Tres décadas de cultura en Lugo con teatro, música, fotografía e danza

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Bala ofrecerá un concerto o 3 de abril
Bala ofrecerá un concerto o 3 de abril Ángel Manso

A nova edición do programa Lugo Cultural, que cumpre trinta anos, bota a andar o 17 de febreiro

14 feb 2024 . Actualizado a las 13:03 h.

O convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello e Deputación, explora desde hai tres décadas camiños de conexión e espazos de encontro entre o Campus e a cidadanía luguesa a través dunha programación de teatro, música, danza, fotografía, cine e videocreación.

A fotografía é a disciplina artística protagonista en febreiro, período no que aínda se mantén aberta ao público a mostra do Maratón Fotográfico do Campus na Biblioteca Provincial. Ademais, a oficina de Cultura da USC en Lugo tamén mantén aberta a inscrición para o encontro con José Manuel Navia, que se desenvolverá este sábado na Casa do Saber, baixo o título «Fotografías: fragmentos, documentos e ficcións». O venres 23 comezará no mesmo escenario o taller do grupo fotográfico do Campus, que está estruturado en varias sesións formativas impartidas por Adra Pallón: 23 de febreiro, 8 e 15 de marzo, 5 e 19 de abril e 10 de maio.

O ciclo Lubicán, que pon en valor a música galega e en galego, botará a andar o día 28 ás 20.15 horas no auditorio de Veterinaria, coa actuación de XMASEDA65, como teloneiros de KYR4. Este programa terá continuidade os días 3 e 24 de abril con cadanseu concerto de Bala e Caamaño&Ameixeiras na Praza de Santa María. Unha sesión máis íntima terá lugar o 15 de marzo na Casa do Saber, que acollerá un solo de piano, a cargo de Abraham Boba, vocalista de León Benavente.

Os Encontros de Lúa Chea, unha proposta orientada ao debate sobre temas actuais, mantén dúas convocatorias na cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría o 29 de febreiro e o 4 de abril. Tamén está prevista en abril a celebración do certame FindeCurta, así como do Festival de Teatro Universitario (do 15 ao 21), e do Encontro de Danza Universitaria (25 e 26 no MIHL).

O Curso de Primavera da USC, que se celebrará na Casa do Saber o 8 de abril, poñerá o foro na arte urbana coa proposta «Pegadas no muro. Relatos e proxectos de arte urbana». Tamén haberá os ciclos Microaberto, ideado para alimentar a creatividade do estudantado universitario e que nesta edición contará como convidado co polifacético Pablo Méndez o 11 de marzo en ADE, e Na Calzada, unha proposta concibida como pasarela para presentar a artistas locais que están a formarse fóra. Tampouco faltan os Sons Creativos nin o Músicas a carón da Mosqueira, que deparará ata tres concertos.