Félix Rubial, xerente do hospital Marqués de Valdecilla: «Un dos grandes problemas que ten o sistema é que pensamos máis en enfermidade que en saúde»

Lucía Cancela
Lucía Cancela LA VOZ DE LA SALUD

ENFERMEDADES

Félix Rubial, novo xerente do hospital cántabro.
Hospital Marqués de Valdecilla.

O médico galego ten unha longa experiencia en cargos de responsabilidade no Sergas, o último na área sanitaria de Verín, O Barco de Valdeorras e Ourense

12 ene 2025 . Actualizado a las 15:05 h.

O médico galego Félix Rubial (A Estrada, 1968) é o novo xerente do Hospital Marqués de Valdecilla, en Santander. Especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública, ocupou a dirección en distintas organizacións sanitarias, sempre no Servizo Galego de Saúde. A máis recente, a xerencia da área sanitaria de Verín, O Barco de Valdeorras e Ourense.

—Que tal por Cantabria?

—Estiven 30 anos no Sergas e isto é unha novidade. Estou nun proceso de coñecemento profundo da realidade dun hospital dun gran tamaño, pero con realidades moi parecidas ás que poden existir nos hospitais de Galicia.

—Un cambio coma este require moito estudo?

—Require moita escoita. É un traballo de escoitar a quen sabe, que son os profesionais, para que trasladen a súa visión do seu servizo e da súa unidade. Entendo que a xerencia dun hospital ten unha finalidade, fundamentalmente, de facilitador e de axudar a resolver aquelas necesidades que os servizos teñen. Por iso, hai que centrar neles a resolución deses problemas e dificultades.

—Que similitudes atopa entre este hospital e a área sanitaria ourensá?

—As solucións deben ser sempre locais. Por tanto, teñen que estar adaptadas á poboación e a realidade social, económica, política e cultural da poboación á que servimos. Pero, desde a sanidade pública, sempre están baseadas en principios que poderíamos tipificar como universais como son a accesibilidade, a calidade, a resolutividade, a eficiencia e a humanidade. Son principios e elementos comúns, perfectamente equiparables ao que poida existir en Ourense, Santiago, A Coruña e Santander. Aquí, son xerente dun hospital grande, con 7.000 traballadores. En Galicia, o modelo é diferente. Somos xerentes de área integrada, que no caso de Ourense incluía a atención primaria, e tres hospitais, o de Ourense, o do Barco e o de Verín. Por tanto, nese sentido é unha realidade distinta. A complexidade en Valdecilla vén dada pola dificultade dos procesos que aquí se asumen, pois é un hospital de referencia para boa parte do norte de España.

—Cales son os seus obxectivos como xerente?

—Temos catro grandes áreas de traballo. A primeira, traballar cos profesionais. Temos que escoitar as súas necesidades e coidar deles. En segundo lugar, a dimensión tecnolóxica; estamos inmersos en varios procesos de incorporación de nova tecnoloxía, como a protonterapia, que vai reforzar o ámbito da atención oncolóxica. Valdecilla foi galardoado no 2024, como o mellor hospital de alta complexidade de España, o que reflicte esa complexidade da que estou falando e na que a tecnoloxía é imprescindible. O terceiro eixo é a saúde dixital, e o cuarto, todo o que ten que ver cos pacientes. É dicir, mellorar e garantir unha accesibilidade socialmente asumible e clínicamente responsable; así como coidar aspectos relacionados coa humanización. Nun momento no que a tecnoloxía é moi importante, non podemos descoidar aqueles aspectos das relacións entre persoas. Aquí, os pacientes están nunha situación de vulnerabilidade, manexamos a súa saúde e, en moitos casos, a súa esperanza e a da súa familia. Todo isto, con calidade asistencial. Valdecilla ten a gala de ser un centro de excelencia neste sentido.

—Como se mantén o humanismo a medida que medra a implantación da tecnoloxía ou da intelixencia artificial?

—Probablemente, unha das grandes aprendizaxes que eu teña destes 30 anos de experiencia no Sergas é que é posible xestionar mesturando eficiencia e humanidade. É posible e necesario. Nun momento onde temos a necesidade de dispoñer de recursos tecnolóxicos e de aplicalos, pois van axudarnos a personalizar a asistencia, non podemos deixar de lado a vertente humana que fai diferencial a asistencia sanitaria do que podería facer unha máquina. A gran diferenza é o trato humano, a calidez e empatía que podemos e debemos dar o persoal sanitario con persoas vulnerables como son os pacientes. Iso esixe concienciación, sensibilización e formación. A diferenza non está en facer unha proba ou outra, senón en como esa persoa é capaz de poñerse nos zapatos do paciente e adoptar decisións de maneira compartida, e que teñan como obxectivo máximo os mellores resultados en saúde para esa persoa.

—O cancro, as enfermidades do corazón, o covid, as enfermidades cerebrovasculares e o alzhéimer foron as principais causas de mortalidade en España no 2022. Interésame a súa visión como especialista, ata que punto é posible prevelas?

—Como preventivista, penso máis en saúde que en enfermidade. Creo que este é un dos grandes problemas que ten o sistema en xeral, que pensamos máis en enfermidade que en saúde. Temos que intentar cambialo socialmente, e actuar en hábitos de vida e en mellorar a nosa contorna. Na actualidade, o concepto de One Health, da OMS, que fala de saúde humana, animal e ambiental, é máis importante que nunca. Creo que hai que traballar nas enfermidades prevenibles, no que a sociedade e o individuo ten un papel e require formación desde a escola. Tamén hai que actuar nas enfermidades que son tratables e aí o sistema sanitario está dando boa resposta a nivel estatal. Nos últimos anos, estamos asistindo a unha maior supervivencia dalgunhas delas como as patoloxías cardio e cerebrovasculares ou as neoplásicas. Mais, hai outras, como as neurodexenerativas, que teñen un amplo campo de mellora. Aínda non alcanzamos o nivel de desenvolvemento. Tamén me gustaría destacar a patoloxía de saúde mental, moitas veces esquecida. A partir do covid, fomos máis conscientes da súa importancia e impacto, así como de incorporar máis recursos na súa atención.

—O servizo de Psiquiatría de Valdecilla cerrou o ano cunha orquestra virtual ou o exercicio físico na depresión. Ambas medidas sen fármacos. A medicina do futuro teraas máis en conta?

—Os fármacos son esenciais e fundamentais, e non podemos renunciar a eles en ningún caso. Pero hai outros elementos que axudan a mellorar o seu efecto e a complementalo. En determinadas patoloxías, como é a saúde mental, son especialmente importantes. Proxectos como estes seguramente marquen a diferenza.

—Cantabria, ao igual que Galicia, atópase entre as comunidades con maior poboación envellecida. É un reto para o sistema de saúde?

—Prefiro falar de lonxevidade, que sempre é un reto. As necesidades das persoas maiores son distintas ás das persoas máis mozas, temos que ter unha adaptación especial a este colectivo. Temos que actuar de forma colectiva, curativa, pero sobre todo, centrarnos nos coidados. Isto pasa do sanitario ao sociosanitario, por iso insisto nesa visión global e social da saúde como un elemento vertebrador.

—A protonterapia é o máximo expoñente da tecnoloxía que virá?

—A protonterapia é unha tecnoloxía que complementa o tratamento que hoxe estamos dando e que vai dar resposta ás necesidades dun número seleccionado e reducido de pacientes. Pero é pechar un círculo co coñecemento que temos hoxe en día, e poñer a España, Cantabria e a Galicia, na vangarda da asistencia mundial a unha das patoloxías máis prevalentes e letais que temos, que é o cancro. É unha gran noticia poder dispoñer desta tecnoloxía, pero tamén chegarán outras que nos permitirán abordar situacións clínicas ou patoloxías que afecten a máis persoas e temos que ter a capacidade de incorporalas.

Lucía Cancela
Lucía Cancela
Lucía Cancela

Graduada en Periodismo y CAV. Me especialicé en nuevos formatos en el MPXA. Antes, pasé por Sociedad y después, por la delegación de A Coruña de La Voz de Galicia. Ahora, como redactora en La Voz de la Salud, es momento de contar y seguir aprendiendo sobre ciencia y salud.

Graduada en Periodismo y CAV. Me especialicé en nuevos formatos en el MPXA. Antes, pasé por Sociedad y después, por la delegación de A Coruña de La Voz de Galicia. Ahora, como redactora en La Voz de la Salud, es momento de contar y seguir aprendiendo sobre ciencia y salud.