Coller un cabuxo

Rafael García Ramos

AL SOL

07 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasou hai máis de sesenta anos. Era o mes de San Xoán. O protagonista foi un rapaz de 12 anos. Durante o curso escolar estaba nun internado en Santiago. Cando daban punto, así chamaban ás vacacións, estaba esperando por elas como auga de maio para bañarse, pescar e andar en bicicleta. Vivía nunha aldea da beiramar da ría da Arousa. Aquel día de verán encontrouse cun vello pescador que sabía da súa afección por telo acompañado a pescar moitas veces. O tío Lelo. Nesa aldea a todas as persoas maiores se lles chamaba tíos, menos aos avós, que os chamaban titíos e titías. «Tes que ir á encarnada», díxolle, «está o mar empezando a encher, tes tempo».

Fondearon unha batea ao lado da pedra das fanecas e pican a pares. Meu dito meu feito. Ala foi a apañar a carnada. Embarcou coa liña, a senrada e un cesto da vendimar nunha gamela e a pescar. A liña tiña dous anzois. Viñan dúas fanecas de cada vez e así seguido. Debeu pescar cento e medio delas. O vento, coa subida da marea, empezou a afrescar e cando foi para terra tivo algún problema polo forza con que se levantara. Non esqueceu o consello do tío Lelo. Vogar sempre aproado ao vento ou con vento de popa. Nunca atravesarse, que pode envorcar a chalana.

Chegou á casa con tanto peixe, máis contento ca un oito, xa que a todos lles gustaban as fanecas. Ao fritilas, ao dereito do mar, tan frescas, apartábaselle a carne da espiña. Esperando con tanta ilusión ser felicitado encontrou a súa nai chorando por pensar que podería ter afogado. Ameazouno de que nunca máis o deixaría ir só a pescar. A reacción do rapaz foi tirar as fanecas a un tellado para que as comesen as gaivotas e marchar da casa. O cabuxo foi tan grande que xurou non volver ao lar. Pasaba da media noite e andaban todos os da casa berrando que volvese. A fame era moita. Nin xantara nin ceara e tiña frío. Rendeuse e foi para a cama sen cear. Acórdome coma se fose hoxe. O cabuxo era grande.

Rafael García Ramos

Cambre.

Profesor xubilado.