Xosé Antonio Touriñán: «Á gran maioría dos políticos faríalles ben botarse unhas risas »
AL SOL
O actor leva todo agosto de ruta por Galicia co espectáculo «Comicamente»
24 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Xosé Antonio Touriñán sempre ten os pes e a mente en mil historias distintas. O que sen dúbida é un dos rostros máis coñecidos do espectáculo galego, leva todo agosto recorrendo Galicia no ciclo Comicamente, que o levará ao Parque de Bens da Coruña e á Cidade da Cultura de Santiago os próximos 28 e 29 deste mes, na compañía doutros profesionais como Luís Piedrahita o David Amor.
—Como é pisar un escenario nestas condicións?
—Por un lado é unha felicidade poder volver, despois de tanto tempo... Levábamos case dous anos sen poder traballar con normalidade. E aínda que a situación non é normal, e que é complicado non ver o sorriso da xente... Xa solo como medicina para nos, para os profesionais, é marabilloso poder volver a estar diante do público. Oxalá chegue pronto o momento de volver a vivilo todo como o vivíamos, de ver sorrir á xente, pero mentres tanto, as sensacións son boas.
—En tempos de pandemia, é máis difícil facer humor?
—Si. É un pouco máis difícil por cómo temos a cabeza todos. Estamos un pouco máis tristes. E para os que temos que dedicarnos a facer humor tamén é complicado, cústanos máis traballo sacar unha risa, pero creo que temos que facer un esforzo ata como tratamento para superar todo isto. A risa é algo fundamental para vivir, e para poder volver á normalidade na vida. Precisamos moitísimo da risa, moitísimo.
—Pódese facer humor sobre calquera cousa?
—Entendo que me preguntas polos límites do humor. Creo que están en distinguir se é ou non é humor, porque ás veces confundimos as faltas de respecto e os insultos coa comedia, cando non é o mesmo. Hai unha maneira moi fácil de saber se o que fas é humor: se o teu interlocutor ri. Confúndese bastante, en especial ultimamente. Faltar ao respecto ou ser provocador non ten por qué ser humor. Ao final, neste mundo o poder telo o consumidor, o espectador, o que goza do show. Porque aínda que o cómico crea que o que fai é comedia, se non o consume ninguén, vai ter que deixar de facelo e dedicarse a outra cosa. A clave está niso, no poder do consumidor.
—Dígame un político ao que lle faría ben botarse unhas risas.
—Supoño que a todos. Á gran maioría faríalles ben. Coñezo algúns que se rin máis habitualmente, e que teñen máis sentido do humor, e outros que quizais teñen menos. Quizais (Alfonso) Rueda, paréceme un tío así, un tanto serio [ri].
—Na súa carreira, cal dos seus proxectos foi máis gratificante?
—Intento gozar de todos. É verdade que nalgúns máis e noutros menos, pero dende que empecei nisto intento pasalo ben con todo o que fago. Pode que o primeiro, o dúo con Marcos Pereira, sexa o meu favorito. Pero a miña filosofía é pasalo ben traballando, e intento seguir con ela.
—E o que menos?
—O que menos gocei seguramente foi cando tiven o meu propio programa, en Tourilandia. Sometinme a unha presión que fixo que deixara de pasalo ben e de rir co que facía Pero tamén foi onde máis aprendín, porque cando o pasas mal é cando máis aprendes. Iso sempre é así.
—Considérase máis un profesional de televisión ou de teatro?
—Eu son de directo, gústame moitísimo máis. A tele e un medio fantástico, pero os shows en vivo, de non poder parar e empezar de novo, son insuperables.