Morte en Dallas

Jorge Sacido

AL SOL

24 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pouco antes de que o avión aterrara, o Xefe do Servizo Secreto advertiu ao seu equipo que en caso de que comezara a chover durante o traxecto pola cidade de Dallas habería que cubrir o coche coa capota. Os cidadáns estaban tan ansiosos pola visita presidencial que non fixeron caso do prognóstico do tempo, incluídos os humildes habitantes dun suburbio ao leste que viran unha raia de nubes negras superposta sobre o horizonte ao solpor.

O francotirador, un home fraco e baixo, subiu polas escaleiras do edificio no que traballaba sen que ninguén lle prestara atención. Colocou o trípode a carón dunha fiestra do sexto piso do Depósito de libros escolares de Texas que daba á Praza Dealey e armou o fusil coa mira telescópica. Como non estaba alto dabondo decidiu coller unha caixa de libros para pousar a arma. A caixa estaba aberta e era pesada.

Ao levantala con moito esforzo, un libro groso coa cara dun rostro magro con barba na cuberta esvarou e caeu ao chan. Deixouno alí no medio do corredor entre un andel e a parede. Tiña a arma lista e a posición de tiro tomada. Dallas era unha festa, era un mar de bandeiras axitadas con xúbilo pola xente ao paso o seu Presidente. Cando a comitiva avanzaba paseniño pola rúa Houston caeron as primeiras gotas e ao virar cara a rúa Elm comezou a chover. O vestido da Primeira Dama tornaba rosa escuro pola auga.

O copiloto activou a capota premendo un botón. Cando o coche pasaba pola zona que o francotirador escollera para disparar, o Presidente e a súa muller xa estaban cubertos pola capota. Nervioso e contrariado, premeu o gatillo dúas veces. Escoitáronse os disparos e un policía sinalou a fiestra do edificio. Unha bala rebotara nunha vara da estrutura e outra penetrara no tecido impermeable e caera aos pés do Presidente. Membros de Servizo Secreto entraron no edificio. O francotirador abandonou todo a correr.

Bateu cun pé no libro que caera ao chan, perdeu o equilibro e foi dar coa sen contra un tubo negro superposto ao rodapé. Mentres a comitiva presidencial aceleraba o paso entre a choiva, os homes atoparon ao francotirador no chan, coa cabeza enriba dunha poza de sangue e os pés preto dunha biografía de Abraham Lincoln.

Jorge Sacido. Profesor. 55 anos. A Coruña.