Marcos de herdanza

Arcadio Mallo

AL SOL

25 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao pai de Manuel non se lle coñecía afección máis aló que a de mover marcos, andar en leas cos veciños e estar metido sempre no xulgado en preitos para mantenza dos avogados. Nunca se soubo de que tomase un viño na taberna, e xa menos que convidase a un vaso a calquera. Feito moi lóxico, dado que non había alma na veciñanza que lle dirixise a palabra. Uns por unha cousa e outros pola outra, todos tiveran problemas co paisano.

A ninguén lle estrañaba aquela afección do proxenitor. Despois de todo, víñalle de herdanza. O avó de Manuel saíra nos xornais con oitenta e tantos anos, por intentar abrirlle a testa a Secundino de Maruxa, e iso que eran moi amigos dende que fixeran o Servizo Militar xuntos alá en Valencia. A adversidade fóra da casa creara unha afinidade inimaxinable, mais aínda así, cando a discusión pola posición da bendita pedra subiu de ton, non dubidou en arrearlle co legón de ferrado que tiña na man para a faena, con toda a intención do mundo de fenderlle a cabeza.

Non o alcanzou de milagre, pois é sabido que a forza mingua cos anos, aínda que o mal xenio non.

E Manuel aprendeu na escola da parroquia canda os outros nenos. Aínda que sempre foi tratado cun pouco de distancia e de desconfianza, pois cada vez que tiña algún problema con outros nenos, alí se presentaba o avó na casa da familia para facer unha chamada de atención ante o agravio e pedir explicacións, pois calquera escusa era boa para buscar lea cos veciños.

Pero iso significaba castigo para o acusado e reprimenda na casa, non tanto polo feito, se non por andar en liortas con Manuel, pois de todos era coñecido o que pasaba, aínda que non deixaban de ser cousas de nenos.

Pese a todo, as novas xeracións decidiran darlle un voto de confianza e puxeran a esperanza de que fose el quen marcase o cambio de rumbo. Pero nada máis lonxe da realidade! Hoxe tivo enganchada con Suso de Secundino, o neto do amigo da mili de seu avó, polo mesmo marco polo que saíran no xornal os vellos. Pero Suso, serio e tranquilo como é, rematou co problema nun santiamén: «Se non che serve aí, pono onde che vaia mellor».

Arcadio Mallo. Administrativo. 38 anos. A Laracha.