A intérprete e comunicadora, que firma a súa quinta tempada na formación, asegura que están exportando a verbena fóra de Galicia e «está arrasando»
31 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Non necesita case presentación. Fátima Pego (Brión, 1986) é dende fai anos unha das grandes da verbena galega. Canta, baila, interpreta e presenta pois, cando se baixa do palco, dedícalle tempo a súa segunda paixón: a comunicación. Dúas profesións nada discretas para unha persoa que, nas distancias curtas, non esconde a súa timidez. «Obríganme a deixar a vergonza a un lado, pero tamén é certo que no escenario somos un pouco personaxe e unha vez que te sobes transfórmaste un chisco».
E de percorrer escenarios sabe un pouco. Despois de participar en varios concursos de canto, con apenas 18 anos incorporouse ao mundo das orquestras, pasando por formacións como Palladium ou París de Noia. «Empecei como calquera por unha máis humilde e supón un orgullo formar parte de grandes referentes». Este verán firma a súa quinta tempada na dianteira de Panorama. «É un soño cumprido, porque eu de nena xa era fan. Iba con meus pais a velos e pasábame noites admirando a Diana Cea, a cantante feminina daquel momento», recorda.
Pero Pego non sabía que se dedicaría ao mundo da canción, aínda que con oito anos xa se puxo diante dunha pequena multitude para facer súa Cantiga de berce de Fuxan os Ventos. «Estaba nun festival e marcoume moito, lembro que me tremían as pernas porque era a miña primeira vez como solista». Pasar os veráns de festa en festa, escoitar aos seus referentes —Céline Dion e Whitney Houston porque ela tira «para arriba sempre»— e rodearse de grandes profesionais acabaron por convertela na cantante que é a día de hoxe. «Lito é unha lenda viva. Tiven a sorte tanto de traballar tanto con el como con Blas en París de Noia. Se non aprendín é porque non quixen, porque tiven aos mellores mestres», di.
Exportar a verbena
A brionesa forma parte dunha tradición xa consagrada que desata a loucura cada noite: «Hai xente que mesmo vén de Salamanca ata aquí a propósito porque lle fai ilusión verte ou que se tatuou a palabra Panorama no seu corpo». O testemuño de Fátima confirma que o amor polas verbenas conta con un bo número de seguidores na nosa comunidade. «Os galegos levámolo no ADN, somos festeiros ata límites insospeitados, pero estannos pisando os talóns fóra». Pois o fanatismo polas orquestras xa cruza as nosas fronteiras. «Durante o mes de xullo actuamos por Galicia, pero a partir da segunda quincena de agosto imos fóra, estamos exportando a nosa verbena e está arrasando, víveno coma se fose un concerto», asegura.
O ritmo nestes dous últimos meses, nos que só contan cun día de descanso, pasa factura, polo que intenta cuidarse ao máximo. «O fundamental é o descanso, a boa alimentación e cuidar a voz, ao final estaslle metendo un desgaste físico ao corpo que non é natural, ninguén traballa 30 días sen parar». Sobre o título do hit do verán, esta amante das baladas recoñece que está moi disputado. «Está entre a de Shakira con Bizarrap e She Don´t Give a FO de Duki porque é empezar esa canción e a xente tolea». Porén, o tema que máis lle gusta é «o que sinto que a xente goza e canta conmigo, ese vai ser o meu favorito».
Creadora de contido e actriz de dobraxe
Polifacética dentro e fóra do escenario, comparte o seu día a día a través das redes sociais. «Require certa constancia e dedicarlle horas, pero é unha forma de achegarte á xente que te sigue, complementa a profesión que temos». Nas plataformas amosa como, en canto ten un momento libre, intenta estar «coa miña parella e coa familia, saír a pasear co meu can, a cenar ou ao cine cos amigos». Pego defínese a si mesma coma unha persoa tranquila «de gustos sinxelos en contraposición coa vida atarefada que levo».
Ademais da súa faceta como creadora de contido, Fátima, que estudou Comunicación Audiovisual, estreouse na dobraxe poñendo voz a unha personaxe da serie Merlí. «Foi increíble, son admiradora dos actores e actrices de dobraxe porque é unha profesión moi esixente». A interpretación acaba por completar o seu currículo. «Traballei con Touri, Perdomo e Noemí Rodríguez no programa Catro Gatos e gozeino moito, pero aínda son moi novata nese mundo».
Pode presumir de levar media vida percorrendo Galicia dunha punta a outra, aínda que tamén ten a súa parte negativa. «Non podes gozar ao 100 % da familia nin desta época do ano, na que temos bo tempo e as mellores praias do mundo». Por iso, pensa que o seu futuro está nos platós. «O mundo da orquestra é moi bonito pero moi sacrificado, chegará o día no que preferirei centrarme na televisión e contar con máis tempo para min e para descansar». Polo momento, séntese afortunada de poder seguir facendo o que lle apaixona: «Cada noite traballamos no que máis nos gusta e iso non todo o mundo o pode dicir».