Bieito Romero: «Tocar na Coruña, a cidade que nos viu nacer, sempre é algo moi emocionante»

Rubén J. García / R. D. A CORUÑA

AL SOL

Luar na Lubre
Luar na Lubre ANTONIO VIZCAYA

Luar na Lubre, que afronta o próximo ano o seu 40.ª aniversario, actuará mañá na praia de Riazor no marco do Festival Noroeste

07 ago 2025 . Actualizado a las 10:17 h.

A piques de celebrar 40 anos dende a súa creación, Luar na Lubre manténse como un dos grandes referentes da música tradicional galega. Mañá, ás 22.30 horas, dende a praia de Riazor, o histórico grupo engadirá un novo concerto á súa extensa traxectoria, nun momento especialmente simbólico. Bieito Romero, fundador da formación, fai balance dunha carreira chea de éxitos que, segundo asegura, aínda ten moito futuro por diante. 

—Que pode esperar a xente neste concerto do voso último álbum, «Encrucillada»?

—É o noso vixésimo traballo e mantén características propias do grupo. Hai unha pauta marcada e a xente quere continuar esa liña. Faremos un percorrido por este disco esencial que non deixa de ser compilatorio da nosa traxectoria e en combinación cos temas clásicos que na Coruña a xente quere escoitar, como Tu gitana, O Son do Ar, Chove en Santiago, e ao mesmo tempo presentaremos algunha cousa nova que sairá o vindeiro ano coincindo co 40.ª aniversario do grupo.

—O Festival Noroeste aposta forte por artistas locais este ano. Cres que darlles visibilidade é clave para o seu crecemento?

—Por suposto. Hai que apostar por artistas da casa, con talento e que está facendo as cousas ben. Hai que apoialos dende o primeiro momento porque aí é onde poden xurdir grandes cousas. A aposta propia, o recoñecemento e os valores, saber mirar ben, cribar, porque o que realmente vale hai que apoialo o máximo posible.

—Que representa para vós estar preto de cumprir 40 anos enriba dos escenarios?

—No panorama nacional e internacional notámonos con forza. En Galicia tamén, porque nunca paramos de tocar. Isto xa expón o traballo que levamos facendo todo este tempo, que non é fácil para un estilo como o noso que non ten gran cabida nos medios. Pero aquí seguimos, con boa saúde e facendo concertos ininterrumpidos como consecuencia a un traballo ben feito e a un público fiel que nos apoia sempre.

—Como valoras a evolución da música celta e a súa acollida no público actual?

—A música galega nunca estivo nun momento tan bo a nivel de proposta. Respecto a música celta hai un pequeno retroceso, pero outros estilos que combinan con músicas electrónicas están moi de moda. O fundamental, co talento que hai, é trascender, que teñamos a posibilidade de traspasar as fronteiras galegas.

—Que significa para vós o recoñecemento lingüístico da palabra «lubre»?

—É un recoñecemento importante que veu precisamente a raíz dun artigo que publiquei neste xornal. Descubrín que a palabra «lubre», que forma parte do noso nome, aínda non estaba recoñecida oficialmente. Tras unha conversa con Navia Franco, filla de Xosé Franco Grande, decidimos presentar a proposta á Real Academia Galega, que finalmente a aceptou. É unha palabra con moito valor poético e histórico. Por iso, o vindeiro disco vai xirar arredor deste recoñecemento.

—Que isto coincida na Coruña, imaxino que é aínda máis especial para vós...

—Efectivamente. Coincide co 40.ª aniversario, coa palabra lubre, con Riazor, co noso Crunia Maris, a cidade que nos viu nacer, que sempre nos recoñece pola rúa. Sentímonos moi queridos, é algo moi emocionante. Temos varias actuacións no calendario pero particularmente o da Coruña ten unha importancia grandísima para nós: xogamos na casa e coincide con todos estes feitos.

—Cal é a clave para que un grupo deste calibre se manteña tantos anos e con tanta vitalidade?

—As enerxías internas, cada mirada, cada pulso... son equilibrios. Formamos un equipo humano moi importante e bo, desde fai moito tempo. Todo isto xérase precisamente porque o grupo non para, sempre flúen cousas e xorden iniciativas. Somos un reclamo non só en Galicia, senón tamén a nivel nacional e internacional. É o que nos dá vida. Agora a música parece estar nun segundo plano, non se vende nin hai a importancia que tiña hai uns anos, e por iso o factor humano é fundamental. A xente que segue a Luar na Lubre, que paga entradas importantes e chea concertos, mantén viva a nosa proposta. Doutra forma sería inviable.