Vermes de luz

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

AL SOL

Imagen captada en un campo de Gerona con centenares de luciérnagas.
Imagen captada en un campo de Gerona con centenares de luciérnagas. Toti Martín

Lembro con nitidez a atmosfera daqueles anos setenta, un tempo de transición no que as fronteiras entre o asfalto que avanzaba e a terra que resistía nalgúns lugares aínda eran difusas. No barrio coruñés do Agra do Orzán, os camiños mantiñan un latexo case rural, un espazo de liberdade onde a rapazada xogábamos de sol a sol. Foi precisamente alí, entre as herbas que bordeaban os carreiros, onde tiven o meu primeiro encontro coa maxia. Naquel entorno, o solpor non traía a escuridade total, senón un convite ao misterio. De súpeto, entre a penumbra, xurdía un diminuto punto brillante. Non era un reflexo, nin unha faísca perdida; era unha luz viva, fría e palpitante. Para un neno, aquilo tiña a forza dun milagre. De que souben o que eran, a súa presenza pareceu multiplicarse. Comecei a atopalos en calquera recuncho: nas fendas dos vellos muros de pedra que dividían as leiras, baixo as follas húmidas das hortas que sobrevivían ao ladrillo ou bordeando os camiños de terra que hoxe son rúas cubertas de cemento. Eran tan comúns que acabamos por asumilos como parte do noso día a día, pero nunca perderon a súa capacidade para deixarnos cos ollos abertos no medio da noite. O primeiro nome co que os coñecín foi o de vermes de luz. Había algo fascinante en que unha criatura tan humilde, que se arrastraba polo chan, fose quen de portar semellante faro de misterio. Máis tarde, escoitando falar aos maiores, descubrín a inmensa riqueza que ten Galicia para referirse a estas pequenas fadas do reino dos insectos. Dependendo de con quen falases, o diminuto farol tomaba un nome diferente: vagalume, lucecú, vella dos balados, vermes de luz... Hoxe, cando volvo pasear polas rúas densamente edificadas do Agra do Orzán, custa imaxinar que baixo o formigón latexou outrora un espazo tan vivo. A contaminación lumínica e o avance implacable da urbe foron apagando aqueles pequenos farois naturais. Os vagalumes convertéronse nun tesouro da memoria, no símbolo dunha infancia que xogaba coa terra e se asombraba co máis sinxelo. Porén, cada vez que teño a sorte de ver un escintileo verde e tímido na escuridade dun camiño rural, volvo a ser aquel rapaz dos anos setenta, agardando que a noite, unha vez máis, acenda a súa maxia.