Faltan unhas poucas horas para que volva á Bretaña. Ese recuncho do mundo tan semellante a Galicia que ás veces ata podemos chegar a confundir coas propias pegadas que xa deixaron os nosos devanceiros. As semellanzas non son coincidencias; son o latexo dunha memoria común: o Atlántico bramando coa mesma forza vella, a pedra granítica erguida contra o tempo, os cruceiros vixiando os camiños, o salaio doce e salvaxe das gaitas, ou eses crêpes que no fondo teñen a alma e o arrecendo das nosas filloas. Todo baixo o docísimo abrigo das carballeiras, sempre humedecidas polas brétemas e os orballos que converten as paisaxes nun lenzo vivo. Un lugar marabilloso onde a realidade tínguese dun xeito e dunha profundidade confusa e fascinante. Eu coñecín a Bretaña por primeira vez nas obras de Castelao e na súa mirada lúcida gravada en As cruces de pedra na Bretaña, pero foi sobre todo a música a que me debuxou o mapa do corazón. Voces e acordes de lendas como as interpretadas por Alan Stivell, Dan Ar Bras, Diaouled Ar Menez, Tri Yann ou Glenmor foron as que me marcaron os vieiros invisibles pero firmes da irmandade celta. Agora volto de novo á antiga Armórica, á hoxe chamada Breizh, coas ganas intactas de me atopar no meu fogar sen saír da casa. Nese espazo xemelgo onde o patrimonio e o terreo son coidados cun amor respectuoso, para nós admirable, aínda que eles tamén miren cara nós coa envexa sá de gardarmos o patrimonio vivo do idioma. Breizh é xustamente Galicia un pouco máis ao norte: confluencia de mundos, o mesmo drama do mar que bate con forza nas rochas e lembra poeticamente a marabillosa natureza e o triste e dramático desastre dos naufraxios. É alí onde as gaitas choran a dor coa mesma paixón coa que celebran a vida. Bretaña é ese refuxio no que un galego non precisaría mudar nada, pois a alma xa se recoñece no que está a ver. Alí vou de novo a ser un galego máis entre eles, a buscar nos seus ollos o noso propio reflexo e ofrecerlles a miña terra no meu propio sentimento. Porque, como ben soubo ver Castelao, as irmandades profundas sempre existiron; só hai que saber abrir os ollos da alma para ver máis alá dese limitado horizonte que nos pretenden impor.