Queixos

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

AL SOL

Posto de venta de queixos na feira de Monterroso.
Posto de venta de queixos na feira de Monterroso. ALBERTO LÓPEZ

Tiña xa todo preparado para enviar un novo artigo sobre os excelentes queixos galegos cando a miña muller, Marisa, advertiume de algo: «Creo que xa escribiches sobre este mesmo tema nalgunha achega anterior!». Nese preciso momento detiven o envío e quedei a pensar. Como devoto dos queixos, era incapaz de deixar o asunto de lado, pero tampouco tiña moito sentido repetirme se xa abordara esta idea con anterioridade.

Confésome un consumidor de queixos alá onde me toque ir, por calquera canto do mundo, pero son, por enriba de todo, un fervoroso seguidor das elaboracións da nosa terra. Máis concretamente, sinto unha debilidade especial polos queixos que se fan na comarca da Ulloa, que é tamén a terra dos ancestros da miña muller e, por relación, tamén miña. Os seus pais rexentaban hai anos unha desas pequenas e —para min— marabillosas tendas tradicionais de barrio na zona de Santa Margarida, na Coruña. Eran aqueles comercios de antes, onde se atopaba case que de todo e onde tiñan un lugar privilexiado algúns produtos propios das aldeas. Tratábase de manxares artesáns que, ao fin e ao cabo, eran os que mellor sabían e os que con máis fidelidade respondían ao padal esixente da veciñanza.

Con ela teño ido moitas veces a mercar eses queixos elaborados polas mans expertas das mulleres nas casas da comarca, pezas únicas que despois se vendían nos mostradores destas pequenas tendas urbanas como un verdadeiro e prezado tesouro. Foi precisamente alí onde descubrín eses sabores impresionantes e autenticamente sinceros, cheos da verdade da terra e que nos conectan coas nosas raíces facéndonos sentir o que realmente somos. Trátase da honestidade e da artesanía elevadas á categoría de manxar de reis, reservadas para padares que entenden o valor do xenuíno. É a marabilla dunha terra incriblemente vizosa, chea de matices, cores e praceres gustativos que nos fan viaxar no tempo como auténticos navegantes da memoria colectiva. E aínda así, ás veces quédame a amarga sensación de que aínda hai quen non se dá conta do incalculable patrimonio que temos entre mans.