LA TRIBUNA | O |
26 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A PUBLICIDADE DÍCTANOS parte da vida cotiá, mesmo a sensación de vivir nuha época do ano e non noutra. As estacións xa non se anuncian polo canto do cuco ou os cambios na cor dos árbores, dous feitos dos que tanto escribiu Cunqueiro nos seus artigos sobre o seu querido bosque de Silva: agora temos que acudir á televisión para que os grandes almacéns nos anticipen as tendencias da moda e nos envíen a mensaxe subliminal de que a primavera xa veu ou de que o outono se achega. ¿Hai algo máis que identifique unha estación? ¿Cal é o trazo máis rotundo da primavera? Para os afeccionados ó deporte, quizais os torneos de tenis, que indican que o tempo xa permite certos xogos ó aire libre. Para os amantes da paisaxe, talvez os súpetos cambios de tempo, que de cando en vez nos permiten disfrutar da efémera marabilla dun arco da vella. Para os que aman a troula, posiblemente as feiras e festas que xa empezan a prepararse, sexan As Quendas en Mondoñedo ou a Festa da troita na Pontenova. Esta primavera, sen embargo, é especial, non por nada estraño senón porque hai eleccións municipais e xa se notan eses síntomas chamados inauguracións e visitas. Como agora todo ten que ser instantáneo e a lentitude semella un mal no que ninguén quere caer, as frases brillantes e os eslóganes son un gran argumento para unha sociedade que vive case a ritmo de videoclip, con modas de usar e tirar. Pero aínda que a rapidez do mundo audioviosual permita fabricar ídolos un ano e substituílos ó seguinte, as figuras que quedan son as que resisten as modas aínda que nunca brillen moito. Por iso nunca sobra un pouco de reflexión.