Pensando nos concellos

A MARIÑA

20 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

WINSTON CHURCHILL dixo que a democracia significaba que se alguén petaba na porta antes do amencer, era o leiteiro. A un non se lle ocorre negar a importancia desa opinión; pero tendo en conta que o leite xa non chega ás casas como antano senón que se compra nos supermercados, parécelle que a democracia consiste en que o ruído que se oe pola noite, ás horas nas que podía chegar o leiteiro de Churchill, é o do camión da recollida do lixo. A recollida do lixo non é un traballo espectacular nin unha segura fonte de votos senón un dos traballos dos Concellos, esas administracións coas que todos temos unha relación curiosa: os cidadáns esixímoslles que non nos falten a luz e a auga; pero ninguén, sexa político en activo ou simple veciño de calquera vila, semella ter moito interese en coñecer a situación real dos Concellos, coas súas necesidades ou posibilidades de desenvolvemento. E os Concellos están preto de nós co seu traballo cotián, sexa con homenaxes ás vítimas do terrorismo -así ocorreu antonte en Foz- ou con mocións de censura que cambian a cor do goberno -como pasou onte en Vegadeo-. A un só se lle ocorre desexar, pois, que o camión do lixo nos colla durmindo.