A TRIBUNA | O |
18 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.HAI ANOS, nas xornadas Mar por medio de Ribadeo, Suso de Toro falou de Inglaterra como casa aberta. Explicou razóns polas que Inglaterra era para moitos unha casa na que se podía entrar con comodidade; e que cada un imaxine as súas: a literatura, a música, o fútbol... Se a idea vale para cidades, Mondoñedo pode ser un bo exemplo. Razóns para abrirse aos forasteiros non lle faltan: os pasos resoando nas pedras, o pan, os escritores, a repostería, a néboa que o envolve ás veces... Ademais hoxe reflecte a idea de que un casco histórico non é unha casca pechada. Seguro que o sabía o arquitecto que destruiu o cantón e reduciu a praza da catedral a aparcadoiro; pero tamén se ve con outras obras -presentes ou recentes, grandes ou pequenas- que melloran a cidade: a rehabilitación do cemiterio vello, a reforma da praza do Concello, a restauración do edificio da Sociedade de Obreiros... A cidade, por suposto, debe afrontar o reto de frear a perda de habitantes; pero se unha cidade non é algo pechado, menos aínda o será o futuro.