A TRIBUNA | O |
25 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.A QUEN NUNCA foi a Oviedo Ribadeo mételle medo. Polo que me teñen contado, iso dicíase hai anos en Boal, aínda que supoño que a expresión se usaría tamén noutros concellos veciños. A frase adquire involuntaria actualidade estes días, e demostra que as relacións entre o leste de Galicia e o oeste de Asturias son algo forte porque forman parte da vida cotiá da xente, máis alá dalgunhas polémicas periódicas e artificiais sobre convivencia lingüística. Pero falemos de Ribadeo. ¿Mete medo? Eu creo que non. A xente, viva á dereita ou á esquerda do Eo, xa está afeita a moitas máis cousas, e Ribadeo, se impresiona a quen o ve por primeira vez, é máis ben como algunhas persoas: esas que nos gustan moito e nos parecen moi superiores, pero que logo, cando as coñecemos, nos amosan un encanto persoal que as fai aínda máis interesantes. Eu creo que encanto non lle faltou nin lle falta a Ribadeo, onde hai outras carencias. Xa están informados os lectores deste xornal da lista de demandas que lle entregou o alcalde ao presidente da Xunta hai varios días, ao inaugurarse o novo pabillón. Pero ademais, por razóns que un non dá atopado, cuestións que semellan doadas (a apertura do aparcadoiro ao aire libre, a calefación do centro de día...) acaban converténdose en problemas de primeira orde e outras demandas (a circunvalación, o polígono) son aspiracións que non se concretan mentres os políticos discuten. O encanto de Ribadeo, por agora, semella tan forte que supera algúns problemas. Por exemplo, malia a importancia comercial e o crecemento dos últimos anos, non hai un aparcadoiro subterráneo nin un parque que compense tantos edificios novos. Sería interesante, porque a vila seguramente se converterá nunha cidade ponte entre Galicia e Asturias e seguirá recibindo xente das dúas marxes, que un espazo tan atractivo como Ribadeo pasase da fermosura adolescente á beleza madura. Se algún día pensamos que Ribadeo, como ocorre coas persoas, nos gusta moito pero só como amiga ou amigo, xa non será o mesmo. Oxalá non ocorra iso.