A canción do Cantábrico

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

14 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI VARIOS anos, a asociación Illa Pancha, que daquela presidía o meu amigo Juan Edrosa, convocou un concurso para elixir un himno bravú para Ribadeo. A idea era orixinal; e conviría que se retomase agora, aínda que cunha perspectiva un pouco máis ampla: propoño un concurso de ideas para que alguén -un cantautor, un grupo de rock: o que sexa- lle dedique una canción ao Cantábrico. Necesitamos un éxito que fale de amores de verán xurdidos nas praias de Barreiros ou de Laredo e de soños creados baixo as néboas de Castropol ou de Bilbao; e sobre todo necesitamos dicir que o norte tamén existe. Como xa saberán, nun concurso de televisión, hai varias semanas, elixiuse Mediterráneo como mellor canción española das últimas décadas. Sería absurdo negarlle a súa condición de xoia; pero precísase con urxencia un talento que nos coloque á altura dos tempos e que nos provoque cóxegas no corazón cando o escoitemos. E calquera que vise algunha vez cómo bate o Cantábrico no Peite do vento de San Sebastián ou no porto de Tapia comprenderá que certas sensacións están esperando que alguén as converta en cancións para que todo o mundo as comparta.