A TRIBUNA | O |

21 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

UN PERSONAXE dunha novela de Marina Mayoral mandoulle, na súa xuventude, unha fermosa declaración de amor a unha rapaza: tan fermosa era que en realidade pertencía a un poema de Becquer, o cal pode ser un plaxio -como o título deste artigo, por exemplo- o unha falta de personalidade, pero tamén unha mostra de sensibilidade. Pode supoñerse que hoxe, buscando en Internet, se poden descubrir esas bazas: de feito, acabo de teclear en Google as tres primeiras palabras do poema e alí aparece co nome do autor. Permítanme que non o cite: se alguén aínda cre que valen os poemas como declaracións de amor, que faga o esforzo de buscalos. Pero xa non hai que pensar só na mensaxe senón tamén no medio: como xa anunciou este xornal, no Valadouro convócase un concurso de mensaxes de amor polo teléfono móbil. De todos os xeitos, o que me sorprende é que non se teña convocado esa iniciativa en Ribadeo, onde recentemente se celebrou un curso de técnicas de ligue. ¿Non deu resultado? ¿Foi tan bo que todos atoparon compañía? ¿Vense hoxe máis parellas paseando nas Catro Calles ou en Porcillán, con Castropol ao fondo, ca antes do curso?