A TRIBUNA | O |
04 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.HAI MÁIS de vinte anos, un coñecido columnista, Juan Cueto, gañou un premio xornalístico cun artigo titulado Mondoñedo non existe . O texto, escrito un ano despois da morte de Cunqueiro, amosa canto pode influír un escritor na transformación dunha cidade en mito e como se pode espertar do soño ao desaparecer o mago que sostiña esa ilusión; pero ademais vale para unha pregunta: ¿que Mondoñedo existe hoxe? Hai un Mondoñedo fantástico e real, o dos escritores, que existe pero que debería de ter máis vida: a creación dun parque no cemiterio vello e a cidade cultural daranlle máis forza. Hai un Mondoñedo cotián que existe pero que debería desaparecer: nin a proteción dun casco histórico admite a situación actual do tráfico, nin a sociedade pode esperar que o Concello o resolva todo porque iso é un grave síntoma de anemia civil. E hai un Mondoñedo que existe pouco pero que terá que medrar: suponse que a cova do Rei Cintolo e o rosetón que filtra a luz na catedral acadarán unha dimensión turística maior. Se vai haber, como deseña a asociación Amigos de Mondoñedo, un pasaporte mindoniense, cómpre que a cidade estea á altura dos que a aman. Amén.