A Mariña, de película

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

22 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

AS REFLEXIÓNS poden ser interesantes, pero as accións poden ser útiles, mesmo cando falamos de cuestións tan teóricas como as da cultura. Por exemplo, as xornadas mindonienses de arqueoloxía resultan interesantes polos conferenciantes, pero non tan útiles como as excavacións que se fan nos últimos anos no castro de Zoñán grazas ao interese do Concello. No cine podemos esperar algo semellante. Un festival de curtametraxes como o que se celebrou en Ribadeo a pasada fin de semana é sempre benvido polo seu carácter novidoso, pero cómpre desexarmos que tamén ofreza consecuencias dende o punto de vista práctico. Pensemos, por exemplo, nas curtometraxes que se poderían rodar en Ribadeo e en toda A Mariña: o crecemento da costa, a lenda do Rei Cintolo, as costeiras do bonito, o tráfico que ás veces xa é demasiado lento... Pero se o pensamos ben, o talento e as ganas de contar cousas non se limitan a un xénero, así que todas as historias que ocorren na Mariña quizais se convertan algún día en películas ou en series de televisión. ¿Que necesitamos? Luz, cámaras, acción... ¡E a soñar!