A Dirección Xeral de Xuventude vai levar a cabo ata finais de ano unha nova campaña de promoción do centro Quérote de Lugo, consistente na colocación de vinte carteis en cabinas telefónicas e dez mupis, e na difusión nos medios de comunicación. Os encargados de dar a coñecer esta campaña foron Rubén Cela, director xeral de Xuventude, e Branca Rodríguez Pazos, delegada provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
Rodríguez Pazos aproveitou para facer balance dos cinco primeiros meses de funcionamento deste centro lucense de asesoramento afectivo sexual. Segundo dixo, neste tempo pasaron polas instalacións da rúa pintor Corredoira máis de 200 persoas, das que o 62 por cento eran mulleres e o resto homes. A maior parte das consultas pertencen a persoas de idades comprendidas entre os 16 e os 20 anos e a información que solicitan refírese sobre todo ao embarazo, as prácticas sexuais, os métodos anticonceptivos e a pílula poscoital.
A delegada de Vicepresidencia tamén se referiu ás actividades divulgativas levadas a cabo para dar a coñecer o centro Quérote de Lugo. Así, realizáronse actividades en centros educativos, como a Facultade de Veterinaria e a Escola Politécnica Superior. Tamén se instalaron postos informativos en varios concellos da provincia, como Sarria, Ribadeo, Foz, Monforte, Vilalba e Lugo, durante a celebración das súas festas patronais. Houbo ademais entrevistas e reunións con persoal dos centros de atención primaria e outras charlas dirixidas a colectivos específicos, como os da Asociación Síndrome de Down e os de Proxecto Home.
Pola súa banda, Rubén Cela falou destes centros como un dos proxectos máis importantes dirixidos á mocidade, ao tempo que se referiu á información afectivo-sexual como «un dereito recoñecido». Ademais de dar resposta a unha necesidade obxectiva, o director xeral de Xuventude destacou que os centros Quérote contan con persoal cualificado e un horario asequible e garanten a confidencialidade.
Con vistas ao futuro, Cela dixo que no primeiro semestre do 2008 tres novos centros se sumarán aos que funcionan en Santiago e en Lugo. Serán os de Ourense, Ferrol e Burela, que dará servizo a toda a Mariña luguesa. Xa no segundo semestre entrarán en funcionamento os centros Quérote de A Coruña e Vigo.
Programa Rodela
A directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade, Ana Luísa Bouza, presentou na tarde de onte en Lugo o programa Rodela de voluntariado específico para acompañar ás vítimas da violencia de xénero, co que se busca a implicación da cidadanía na loita contra os malos tratos. Este programa está dirixido ás entidades de acción voluntaria de toda Galicia, que teñan persoas asociadas dispostas a formarse en xénero e novas tecnoloxías e queiran ser colaboradoras na mellora da atención integral e recuperación das mulleres que sofren malos tratos.
O programa Rodela, que conta coa implicación das tres universidades galegas e do tecido asociativo, porase en marcha este mes nas sete grandes cidades e as asociacións que participen dispoñerán de material informático.