«Que a xente de Viveiro veña a ver hoxe a nosa obra, ``Pan, é distinta»

Y. García

A MARIÑA

07 nov 2009 . Actualizado a las 02:09 h.

Volta e Dálle representa hoxe en Viveiro (Teatro Pastor Díaz, 20.30) a Pan. Catro propostas arredor da malla, pero farán antes (12.00, praza Maior) unha promoción da obra con máquina de mallar, reparto de pan de Cea e do libro-cd da peza, cos actores Comba Campoy, María Lado, Pepe Penabade (Xestoso de Cabanas-O Vicedo, 1965) que coordina a compañía, Alfonso Romeo e Luís Iglesias (da serie Matalobos). Mini e Mero póñenlle a música ao espectáculo.

-¿Como se meteu no teatro?

-De casualidade, funme traballar a Santiago e coñecín xente que facía pasarrúas. Daquela había o circuito Os Domingos de Furabolos, de titiriteiros por toda Galicia. Aí naceron Os Quinquilláns, onde estiven 12 anos. Dun programa de radio da Galega onde estiven xurdiu o espectáculo Furga Garabela... e a partir de aí case sempre traballamos por conta nosa, sen axuda institucional, producimos Salitre, ¡Ghalisia mi madriña! e Pan.

-E «Pan», ¿como naceu?

-Hai uns vinte anos chegou ás miñas mans un relato a modo de poema do gaiteiro Caetano que fala da chegada da primeira maquina de mallar a Santaballa. Gustoume cando o lin e quedou no disco duro. Tocoulle este ano. Volta e Dálle fala en Pan da globalización e da perda da aldea, non é un espectáculo enxebrista ou costumista... ao contrario. Son catro actos cada un escrito e dirixido por un autor (a sementeira, a sega, a malla e o pan) con coreografías que os separan. Esta é das últimas funcións en Galicia.