A vila de Monterroso abriu o pasado luns, día 1, o calendario de feiras de Santos na provincia de Lugo, que mañá quedará pechado coa celebración da gran feira anual de Santos da localidade de Gontán, no concello de Abadín. Dende primeira hora da mañá, o recinto feiral encherase de exemplares de gando, sobre todo vacún e cabalar, e en menor medida ovino, caprino e porcino. Este mercado tamén será lugar de encontro para tratantes e compradores dos veciños concellos da Pastoriza e Mondoñedo, e en xeral da comarca chairega, de toda a provincia luguesa e do resto de Galicia, e mesmo das comunidades limítrofes do norte da península.
Para os gandeiros que acudan con reses están estipulados premios de cen euros para os mellores exemplares, equino e bovino, para as mellores crías, cabalar e de vacún, para o maior número de cabezas, tanto de bovino coma de equino, e para o mellor exemplar cabalar de montar.
Grelos e castañas
O outro aliciente para os centos de persoas que se acheguen mañá a Gontán será o mercado de produtos de outono, xa que haberá unha ampla oferta de castañas, noces, mel, cebolas, allos, nabizas e fabas. Non faltarán tampouco os derivados cárnicos do porco. Polo demais, serán varias as panaderías que acudirán a esta feira coas súas furgonetas cheas de pan e empanadas. Os que queiran quedarse a comer poderán escoller entre os postos de polbo e churrasco ou algún dos restaurantes da zona.
A maquinaria, o téxtil, o calzado e os artículos para o fogar completarán a oferta lúdica desta gran feira, que pechará a xornada pola noite con festa-verbena cunha orquestra.