Unhas fabas para Del Riego

Xosé Mª Palacios

A MARIÑA

05 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Ahistoria poñerá a Francisco Fernández del Riego no seu sitio, que non é outro ca o das figuras importantes do século XX en Galicia e da cultura en particular. Sen facer suposicións moi afastadas da realidade, a ninguén lle sorprenderá que no 2013 se lle dediquen distintos actos por cumprírense cen anos do seu nacemento ou que más adiante protagonice o Día das Letras Galegas.

Pero todo o que entón se chegue a dicir ou a escribir sobre don Paco e o seu amplo labor, sendo importante e necesario, non debería de esquecer unha dimensión comarcal que non deixou de cultivar ao longo da súa vida. Falta pouco máis dunha semana para As San Lucas, das que el foi pregoeiro polo menos unha vez. Falta se cadra máis, en realidade non sabemos canto tempo, para que a Ruta Pardo de Cela se converta no que debería ser, un dos principais itinerarios galegos polo seu interese artístico; pero cando chegue esa boa nova, deberemos lembrar que Del Riego foi un dos seus profetas: por exemplo, escribiu a parte correspondente a Lourenzá nunha guía editada hai anos.

Este ano, non sei se de maneira calculada ou por unha curiosa coincidencia, a homenaxe que lle dedicou o Concello coincidiu coa Festa da Faba. Ao arriba asinante non deixa de causarlle un pequeno e satisfactorio sorriso que a homenaxe se realizase nos mesmos días nos que se louva o prezado froito do val. Vidas como a de Fernández del Riego amosan que un pode ser rexo e firme nunha traxectoria sen por iso renunciar aos praceres da comida ou da conversa cos amigos e sen amosar actitudes de falso puritanismo.

Cando veñan xustas homenaxes futuras, poderemos e deberemos lembrar que Fernández del Riego se comprometeu con Galicia dunha maneira profunda pero sinxela: «Non hai -e pido perdón porque cito de memoria- nada máis natural ca a entrega a un país, e iso é o que eu fixen», dixo unha vez. Con ese mesmo amor se entregou a Lourenzá, a Mondoñedo, á Mariña toda... Imaxinemos , por que non, que con ese entusiasmo comería un bo guiso de fabas de Santo Tomé.