O Observatorio reivindica en Mondoñedo o traballo cultural das mulleres galegas

mondoñedo / la voz

A MARIÑA

23 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O primeiro Encontro Feminista, organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, congregou a unhas corenta persoas, na Casa da Xuventude de Mondoñedo. As participantes debatiron sobre tres eidos do ámbito cultural: literatura, música e audiovisual. Na primeira mesa redonda participaron as escritoras Teresa Moure e Carmen Blanco. Marica Campo ausentouse por razóns de saúde.

As representantes do campo musical foron a mariñá Ugía Pedreira, Guadi Gallego e Olga Nogueira. O encontro rematou cun debate sobre as mulleres e o cine en Galiza, no que interviron Margarita Ledo e Carmen Rábade. Un imprevisto impediu a presencia de Diana Gonçalves. Para o final deixaron dúas proxeccións audiovisuais: a curtametraxe Bata por fóra, muller por dentro, de Claudia Brenlla; e o documental Mulleres da raia, de Diana Gonçalves. O xantar celebrouse no restaurante A Taberna do Valeco. Dende o Observatorio destacaron o nivel das conferenciantes e a boa resposta obtida, polo que xa barallan unha segunda edición. As invitadas felicitaron á organización pola iniciativa, coa que acadaron o obxectivo central: «Visibilizar e valorar o traballo que están facendo as mulleres, moi importante para a cultura».