ORF ( ) O

FRANCISCO L. RODRÍGUEZ GUERREIRO

A MARIÑA

29 oct 2014 . Actualizado a las 12:42 h.

Pasei por diante o día que derrubaron a nave que foi sala do cine Orfeo e tirei unha foto. Non me decatei até que máis tarde revisei a instantánea no visor da cámara: o E das grandes letras na fachada do hotel tiña desaparecido. Agora lese «ORFO». Hoxe veño de me enteirar da triste nova que supón o cese da actividade das tres salas dos multicines A Mariña que funcionaban na Misericordia. Viveiro fica sin cines e teño para min que isto se poida convertir nun peche definitivo.

Viveiro era con Ribadeo a única vila de A Mariña que contaba con salas de cine comercial. Agora teremos que nos achegar até ás aforas de Lugo -nas instalacións dunha área comercial-para poder desfrutar do cine en pantalla grande.

Alá van os tempos nos que os viveireses contabamos con catro salas de cine, tres na vila e unha en Celeiro. Para a xente de certa idade os nomes "Nemesio", "Moderno", "Basanta", "Orfeo" son xa historia. Todos ofrecéndonos películas nunhas carteleiras que se renovaban semana a semana. Lembro as grandes producións que se poñían no cine Basanta-case ao pé da miña casa-"Ben Hur", "O que levou o vento", as series de "Fantomas", ou aquelas en branco e negro, como "Salvatore Giuliano", de Rosi, que tato impacto facían na nosa mente infantil.

E lembro tamén a sala do cine Orfeo, na vila, que dou comezo ás súas proxeccións -se a memoria non me xoga unha mala pasada-coa película ? Cando chegue setembro?. O cine ao que nos levaron a ver-obligatoriamente-?Franco ese home?-para disque celebrar 25 anos dunha paz imposta.

Máis que un cine

Mais o Orfeo non foi somente sala de cine. Acolleu tamén moitos actos sociais como os primeiros mítins, mesas redondas sobre a instalación dunha central nuclear en Xove, películas programadas polo cinneclube da A. C. Sementeira, actuacións musicais?

Agora coincidindo coa desaparición do edificio do Orfeo, cerran-ogallá non sexa un peche definitivo-as tres únicas salas de cine coas que contabamos en Viveiro e confésolles que un, como amador do cine, fica máis orfo-as grandes letras da fachada así mo lembran-que nunca.