A voltas coa tarifa de Alcoa

Miguel Sande Corral
M. Sande OPINIÓN

A MARIÑA

12 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Haberá poxa eléctrica como era de agardar pero xa este mesmo verán: do 31 de agosto ao 4 de setembro. O ministro de Industria, José Manuel Soria, non atendeu tampouco desta vez as peticións das principais empresas consumidoras de enerxía eléctrica, entre elas Alcoa, e convocou outra poxa eléctrica anual, sen máis prazo de validez co dun ano. Ata os sindicatos demandaban un prazo maior, alomenos de tres anos, para dar certa seguridade e á vez estabilidade ás empresas e aos traballadores e non estar sempre -un ano tras doutro- con esta incertidume, ese medo a non saber que vai pasar despois. O temor, hai que dicilo claro, a perder o posto de traballo. E nesas están centos de empregos nas factorías de Avilés e da Coruña unha vez máis, e en San Cibrao coa mosca detrás da orella polo que poida pasar. Todos, milleiros de traballadores e as súas familias moi pendentes este verán da poxa e do seu futuro, vencellado para ben ou para mal aos resultados que aí se dean.

Se a subasta beneficia a Alcoa e aos prezos que esta presente, moi ben; se como sucedeu o ano pasado, a poxa non resulta tan a favor e outras empresas ofrecen prezos máis á baixa, pois será peor e terá, posiblemente, consencuencias para moitos traballadores e as súas familias. Non é de recibo estar un ano e outro e outro así, pendentes dunha maldita poxa a tan curto prazo. Porque Alcoa e as demáis empresas non poden planificar así inversións nin sequera a medio prazo e un día, un ano, han fartarse.

Incertidume en tantas familias de cada vez

En decembro do ano pasado -pasaron tan só sete meses- Alcoa anunciou despidos colectivos en Avilés e na Coruña, lembran? Non lograba os primeiros días nas poxas prezos competitivos. Á multinacional norteamericana do aluminio non lle vai tremer a man por despedir a xente ou por pechar unha fábrica nesta esquina afastada do mapa cando non lle saian as contas. Seguro. Agora os traballadores de Alcoa na Coruña acaban de peregrinar a pé dende esa cidade ata Compostela para pedir polo seu futuro ao Apóstolo. Sumáronselles nesa peregrinaxe algúns representantes dos traballadores de San Cibrao. Non sei que man pode ter o apóstolo na poxa eléctrica, pero polo menos serve de acubillo e dá, acaso, confianza. Esperanza, quizáis sexa a palabra máis acertada. 

O ministro Soria viñera de visita á planta de Alcoa en San Cibrao, na nosa mariña luguesa, van un par de anos. Detrás desa súa visita estaba esta mesma cuestión: as poxas eléctricas e a queixa de Alcoa por seren anuais. Non se avanzou nada, oídos xordos. O ministerio de Industria saca agora a subasta a finais de agosto varios bloques de 90 e 5 megavatios que se adxudican, como saben, ás industrias que neste caso ofrezan o prezo máis baixo. Alcoa o pasado ano tivo moitas dificultades e só a última hora, o último día, acadou megavatios. É tremendo o temor, a incertidume que isto xera en tantas familias de traballadores de cada vez.

Porque nesta subasta adxudícanse os incentivos eléctricos ás empresas por prestarse a reducir o seu servizo eléctrico en determinados momentos -puntuais-, por necesidades dunha poboación (na que estean asentadas) a cambio de millóns de euros do goberno en compensación. Pero claro, así as empresas non acaban de poder definir a inversión que van precisar en electricidade, e é este o gasto anual máis importante en empresas como Alcoa, a maior consumidora de electricidade do país. Un problema que ninguén se decide a resolver.