Mondoñedo en Polonia

FRAN BOUSO, PROFESOR OPINIÓN

A MARIÑA

06 ago 2015 . Actualizado a las 12:47 h.

Estes días ándolle dando voltas á vinculación de Mondoñedo co cine, en boa medida porque o 31 de agosto cumpriranse 20 anos do pasamento do enxeñeiro industrial mindoniense Victoriano López García.

Victoriano foi un dos principais axentes renovadores do cine español. Profesor de Berlanga, Saura, Bardem e outros destacados profesionais do mundo do celuloide, recibiu o Goya de Honra en 1990 en recoñecemento ás súas achegas ao longo de toda unha vida ao sétimo arte.

Son moitas as relacións mindonienses co audiovisual: decoradores, actores, extras, localizacións e a rodaxe ou gravación de películas e/ou series como Flor de Santidad (Adolfo Marsillach, 1973), Del Miño al Bidasoa (José Briz Méndez-TVE, 1990), Novo de Parmuide (Roberto Vidal Bolaño-CTV, 1987) ou Terra de Miranda (Álex Sampayo, Carlos Sedes, Jorge Coira, Chema Gagino, José Jamardo, Emilio McGregor-TVG, Voz Audiovisual, Zopilote).

Terra de Miranda está de actualidade porque unha asociación de televisións rexionais polacas (algo parecido á Forta de aquí) comprou os dereitos de emisión dos trece capítulos da primeira temporada e incluso a súa emisión internacional (vía satélite) en polaco, algo que favorecerá que os polacófonos se familiaricen coa paisaxe mindoniense.

As relacións de mindonienses e polacos nunca foron malas e estreitáronse a finais dos oitenta. En agosto de 1989 o Papa Xoan Paulo II peregrinou a Compostela. Arredor dun cento de compatriotas de Karol Wojtyla desprazáronse a Santiago. Un dos vellos autobuses nos que viaxaban avariou á altura de Mondoñedo. Como houbo que pedir as pezas ao leste europeo e tardaron días en chegar, polacos e mindonienses conviviron uns días nos que o intercambio de destilados acadou gran protagonismo porque os polacos traían un vodka de altísima gradación (96º). Para eles a augardente galega era coma auga.

Vai ti saber se cando se inicie a emisión de Terra de Miranda en Polonia, algún dos peregrinos accidentados recoñece na pantalla do seu televisor algunha das localizacións mindonienses que aparecen con frecuencia na serie.