O Tangueiro

ANTONIO REIGOSA, CRONISTA OFICIAL DE MONDOÑEDO OPINIÓN

A MARIÑA

06 ago 2015 . Actualizado a las 12:47 h.

Mentres agardamos o 7 de agosto, comezo a XXIV edición do Mercado Medieval de Mondoñedo, entretéñome lendo La invención del pasado. Verdad y ficción en la historia de España, do lugués Miguel-Anxo Murado onde se defende a tese de que o pasado non é a explicación do presente senón a súa xustificación. O coñecemento que temos do pasado ten moito de imaxinario, e moi pouco, ás veces case nada, de real.

O Mercado Medieval de Mondoñedo foi pioneiro nisto de reparar no pretérito como unha oportunidade lúdica. Un Medievo que en Mondoñedo non comeza antes do s. XII cando se fixa a Sede Episcopal e se lle concede o título de cidade, e que remata cun feito cargado de simbolismo, puro mito: a decapitación de Pardo de Cela no ano 1483.

Neste período tan longo tamén se debeu practicar o xogo chamado Tangueiro que formou parte dos torneos e xustas medievais como o ?combate das espadas?, as ?cabezas?, as ?sortijas? e a ?folla?, entre outros. Cando a nobreza o abandonou, o pobo os imitou organizando torneos en celebracións diversas.

Soía practicarse a cabalo, tamén a pé, mesmo sobre cabalos de madeira e incluso en barcos, en ríos ou lagoas como no Londres do s. XII. Evolucionou coa fabricación do moneco de madeira que xiraba sobre un eixe. Suponse que todo comezou cun poste e evolucionou coa fabricación dun moneco de madeira como o Tangueiro, ou estafermo, que se custodia no Casino de Mondoñedo. Ten a figura dun soldado de época antiga pero indeterminada, con helmo, e cos brazos abertos en cruz; na dereita un escudo e na esquerda un saco de area.

En Inglaterra chámanlle Quintain. O emblema que representa á pequena vila de Offham, en Kent, Inglaterra, é a figura dun Quintain. Presumen alí de seren o último lugar no que se practicou este xogo.

As referencias documentais que temos da práctica en Mondoñedo son dos ss. XVIII, XIX e XX, ata 1944, cando, segundo Andrés García Doural, con motivo das festas dos Remedios, se correu por última vez. Gustaríame que no próximo Mercado Medieval de Mondoñedo se puidese facer unha réplica do Tangueiro que garda o Casino e fixesen xirar o Tangueiro.