A Casa da Cultura focense que leva o nome do escritor acollerá unha serie de actos, ás 20.30
17 mar 2016 . Actualizado a las 13:07 h.Lembrando a Manuel María. Así será a xornada de homenaxe promovida e preparada pola asociación A Pomba do Arco para mañá, venres, en Foz. Xusto, ademáis, na Casa da Cultura á que o escritor lle dera o seu nome. Os actos previstos, destaca o colectivo, teñen moito que ver cos recordos que o pobo focense tén de Manuel María, «quen foi o seu cantor, o seu colaborador fiel e o seu amigo», sinalan. Pero tamén coinciden, xusto, co 50 aniversario do seu libro Versos frolecidos en louvanza a Foz e co ano no que a Real Academia Galega lle adicará o Día das Letras Galegas (17 de maio).
A Pomba do Arco agarda que os focenses e os mariñáns en xeral se acheguen ata o centro cultural para rendirlle unha homenaxe póstuma, na que estarán presentes diversos persoeiros, comezando o listado pola viúva do escritor, Saleta Goi, quen ao carón do cronista oficial de Foz, Suso Fernández, e o xerente da Fundación Manuel maría, Alberte Ansede, se encargarán de enumerar e relatar episodios da vida e obra do poeta, «e de xeito moi particular a súa relación con Foz e coas terras da Mariña», engade A Pomba do Arco. Esta intervención contará coa presentación do historiador Xoán R. Fernández Pacios.
Non todo serán verbas. Tamén haberá música, da man de Arcadio Mon acompañado por Felipe Sánchez e Pepe Ríos e interpretando poemas musicados de Manuel María con Foz como protagonista. Tamén haberá teatro, da man do Clube de Lectura Infantil A Pombiña, coa obra O auto do Raboces, de María baseada nunha lenda de Nois e Cangas que lle encargara a asociación Coto do Faro.
Presencia en Radio Voz
Saleta Goi, viúva de Manuel María, estará presente hoxe, xoves, no programa radiofónico «Voces da Mariña» da emisora Radio Voz.