A falla de experiencia condeou ao descenso a un equipo «mellor que cando subimos», di o xogador-adestrador Javi Villares
14 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Javi Villares afronta con serenidade o descenso do Galipizza Viveiro que el adestra e capitanea tras un só ano en Primeira. Foi un curso de aprendizaxe: «Faltounos experiencia». O xogador-estratega está convencido de que regresarán a Segunda sendo «mellor equipo».
-Malia o descenso, non parece descontento co equipo.
-O balance é positivo. Somos un plantel moi novo e perdemos un montón de partidos por menos de tres goles. Faltounos experiencia.
-Competiron mellor do que cría antes do comezo do curso?
-Sinceramente si. Tiñamos moito medo a este ano, a saír en Primeira, non competir e que os xogadores desconectasen. Somos un plantel novo, sen experiencia, pero ao final, se confiásemos máis nas nosas posibilidades...
-¿Sería distinta esta historia sen tantos problemas de baixas?
-Vista a categoría, co plantel completo e dispoñible para un ou dous adestramentos semanais, a permanencia non sería un problema. Incluso creo que loitaríamos por cotas moito máis altas. A clasificación non reflicte como fomos capaces de sobrepoñernos ás lesións, á marcha de Pastor... para competir sempre.
-Son o terceiro conxunto máis goleador, pero tamén o máis goleado. Foron demasiado valentes?
-Temos unha idea de xogo e fomos con ela ata o final. Vistas as características do noso equipo, con xogadores de moi pouco peso e case sen lanzadores, tivemos que optar por un ritmo moi alto de xogo. Iso, ao non adestrar tanto como queríamos quizais nos levou a cometer demasiados erros non forzados. Quédanos a satisfacción de que o que vise os nosos partidos seguro que disfrutou deste ritmo tan alto.
-Manterán esa aposta para despedirse da categoría no Municipal, o sábado, non?
-Si, será unha festa. Premiaremos aos xogadores e manteremos o noso estilo, por moito que enfronte estea o terceiro, o Camariñas.
-Os xuvenís tamén tiveron moita presenza, non?
-A aposta pola canteira forma parte da identidade deste club. Excepto Pastor, Marco e Jacobo todos somos criados en Viveiro e formados no club.
-Fíxoos mellores esta experiencia en Primeira?
-Volvemos a segunda sendo mellores que cando subimos. Houbo un salto grande dos xogadores. Se o grupo se mantén unido e, como pensamos, mantemos o mesmo plantel, estou seguro de que competiremos por volver subir. E seguro que se subimos dentro de dous anos seremos aínda máis competitivos porque este ano foi moi bo en canto a experiencia.
JAVI VILLARES xogador E técnico DO GALIPIZZA VIVEIRO