Unha vía de alta capacidade é fundamental para o futuro de Viveiro

MARÍA LOUREIRO, ALCALDESA DE VIVEIRO

A MARIÑA

07 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira visita de Alberto Núñez Feijoó a Viveiro como presidente da Xunta tivo lugar no ano 2011, cando asistiu á inauguración do Parque Empresarial de Viveiro. Dende aquel momento regresou unicamente nun par de ocasións, sempre en campaña electoral e en exercicio do cargo que ocupa dentro do seu partido.

Nestas últimas visitas realizou algunhas afirmacións que consideramos desafortunadas pola falta de respecto que conlevan ou pola falta á verdade e estoume a referir, por exemplo, cando afirmou que «non quería no concello floreros municipais», ou o acontecido durante a última campaña para as eleccións municipais cando, sen anunciar ningunha inversión para Viveiro, informou da próxima construción dunha piscifactoría en San Cibrao, ou ás declaracións realizadas na visita do pasado luns a Area asegurando que a falta de circunvalación en Viveiro é culpa do goberno local.

Aínda que non teño por costume responder publicamente para amosar a miña discrepancia con respecto ás declaracións ou afirmacións que outros realizan na prensa sobre a xestión deste equipo de goberno, hai ocasións nas que a falsidade e a intención de confundir á veciñanza obrigan a dar explicacións. Considero que este é un deses casos e ante a afirmación realizada polo presidente do Goberno o pasado luns, durante a súa visita a Viveiro, acusando ao goberno local de paralizar a circunvalación neste municipio, vexo necesario narrar os trámites realizados no Concello de Viveiro con respecto á Vía de Alta Capacidade (VAC).

En 2006 a Xunta (cun goberno bipartito PSOE-BNG) aprobou o trazado da VAC ao seu paso por Viveiro. Este trazado, que fora consensuado, contaba coa aceptación do goberno local, a aprobación do pleno e dos veciños de Viveiro e era froito dun intenso traballo por parte do goberno local no que se atenderon as demandas veciñais, se procuraron informes técnicos, etc.

De xeito inesperado e sen ningún tipo de comunicación previa, o 5 de agosto de 2010 chegou ao concello, para a súa exposición pública, un novo proxecto (documento complementario para información pública da Vía de Alta Capacidade O Barqueiro-San Cibrao, treito: enlace centro de Viveiro LU/00/063.01.3.0), que recollía un novo trazado, contrario ao consensuado e no que contemplaba a existencia dun enlace con Viveiro en Magazos (que non existía no anterior).

A partir deste momento, tanto os veciños da parroquia de Magazos, principais afectados por este trazado, como o goberno local iniciaron unha serie de trámites co fin de reclamar que se respectase o trazado aprobado polo goberno bipartito da Xunta de Galicia, considerando que o novo trazado incumpría cos criterios establecidos no anterior.

Nas numerosas accións contra este novo trazado (presentación de alegacións, adopción de acordos plenarios, consecución de colaboración e apoio da Deputación de Lugo ou interposición de recurso contencioso-administrativo), o goberno local sempre deixou claras cáles son as razóns polas que se opón a este novo proxecto imposto e sen consenso.

Entre as alegacións presentadas xa se facía constar que o trazado se variara sen que a Xunta pedira ao concello o informe necesario, o que determinaría a súa nulidade de pleno dereito; que non se compararon as ventaxas nin inconvintes entre o seu trazado e o aprobado anteriormente, en 2006, co consenso de todos e sen ningún tipo de alegación; que este novo trazado suporía cortar as comunicacións interiores de Magazos; que afecta a máis inmobles que o anterior; que aumenta o seu prexuízo medio ambiental e que non achega ningunha ventaxa dende o punto de vista do tráfico, entre outras.

Nesta mesma liña, en febreiro de 2014, igual que os veciños de Magazos, o concello interpuxo recurso contencioso-administrativo contra a aprobación do trazado da VAC, treito centro de Viveiro na parroquia de Magazos. Este recurso foi desestimado o pasado mes de marzo e o goberno local xa encomendou aos servizos xurídicos da Deputación a interposición do recurso de casación correspondente.

Agardo que esta relación de feitos sirva para demostrar que o único responsable da inexistencia da variante é o Goberno popular da Xunta, quen, de xeito unilateral e desatendendo o consenso existente, impuxo un trazado que supón un empeoramento das condicións para o Concello de Viveiro, e ante esta circunstancia os gobernos locais, tanto o do Melchor Roel coma o actual, só están a exercer a súa obriga de defender os intereses dos veciños levando a cabo as accións necesarias para reclamar que se manteña o trazado aprobado inicialmente, sobre o que existía o consenso de todas as partes implicadas.

O goberno local considera que a existencia dunha vía de alta capacidade que conecte Viveiro con Galicia e co Estado é fundamental para garantir o futuro deste municipio.

carta aberta da alcaldesa de viveiro