Os rescates

Gonzalo Villarmea

A MARIÑA

03 jun 2016 . Actualizado a las 14:22 h.

Hai colectivos que pasan desapercibidos, aínda que o seu traballo moitas veces estea en boca de todos. Colectivos que non aparecen nos medios xeneralistas, que non son nova de interese, que existen non existindo. É o caso, por exemplo, do colectivo espeleolóxico, a fin de contas, ¿quen lembra na Mariña, ou máis concretamente en Mondoñedo, a Miguel Gil ou a Miguel Rioseras entre outros, que a finais dos anos setenta exploraron e topografiaron a Cova do Rei Cintolo? Ninguén. Máis todos presumimos de cova, todos fardamos dos seus quilómetros de galerías, das súas estalagmitas, etcétera. Pero foron eles os que a sacaron á luz, dalgunha maneira, de forma desinteresada.

No caso do colectivo espeleolóxico non existimos até que sucede o que ninguén quere: Un accidente. Entón somos portada, ?dimes e diretes?. Saen os típicos comentarios: ¡Que non se meteran! ¡Non se lles perdía nada alí!... Cando sucede un accidente aparecemos acompañados de fotos do inxente operativo de rescate, como nalgún que sucedeu en Rei Cintolo ou o recente de Lobios co compañeiro portugués falecido no barranco da Corga da Fecha. E, ¡como non! Deseguida saen comentarios de reparo? que se cos meus impostos non, que manda narices que se metan niso, que se o que teñen que facer e cobrarlles o rescate?

Pois de feito xa nolo cobran, pero como somos conscientes dos riscos que conlevan as nosas actividades e, aínda que o poida parecer non somos descerebrados, pagamos unha cousa chamada seguro federativo, que se fai cargo de pagar a factura, non pequena, en caso de accidente. Así que esta xente que se preocupe do que fan cos nosos impostos os corruptos de turno, porque os nosos rescates ás arcas do Estado non lles custan un euro.

HGonzalo Villarmea Carreiras, espeleólogo membro do Grupo de Espeleoloxía de Lugo.