«Está o Viveiro emblemático e aquela outra cara que non é recoñecible»

Mar García Balseiro
MAR G. BALSEIRO VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

O libro recolle 66 debuxos «nun formato goloso para veciños e viaxeiros»

24 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«En el Norte hay un mar que es más alto que el cielo». A frase, do falecido poeta nado en Viveiro Carlos Oroza, abre o limiar que o tamén viveirense Emilio Xosé Insua lle adica ao novo traballo do pintor Eduardo Baamonde, un dos máis recoñecidos ilustradores de libros de viaxes que ten Galicia, e que ademais foi seleccionado en varias ocasións pola Biennale du Carnet de voyage, que se celebra en Clermont-Ferrand (Francia), a feira europea máis importante neste tipo de publicacións na actualidade. Está adicado a Viveiro.

«Nese norte e nese mar enclávase a vila de Viveiro, que o artista Eduardo Baamonde plasma con infinita cordialidade, sumo gusto estético e grande maestría técnica», no libro de viaxes De acuarelas por Viveiro, que xa está ao alcance do público nas librarías. Baamonde (Vilalba, 1962), que vive por razóns profesionais en Cambados, estreita así de novo os seus lazos coa Mariña, a que como a outros moitos, lle permiteu coñecer o mar de neno. A publicación recolle 66 imaxes diferentes de Viveiro, desde as máis emblemáticas ás menos recoñecibles, pero que dan unha visión global e singular de Viveiro.

-¿Cal é o xermolo do proxecto?

-É un vello proxecto, o de Viveiro, desde que fixen outros traballos sobre A Mariña. Sempre me tentou o rico patrimonio que ten Viveiro, e vin cumprido un pequeno sono. É un libro de acuarelas nun formato de caderno de viaxe, porque trata de imitar aos cadernos orixiais que lles gusta moito ver á xente. Son 66 debuxos, imaxes de Viveiro. Da para moitas máis, pero trátase de que o formato sexa goloso en canto a que o viaxeiro, os veciños, teñan unha lembranza xeral.

-Difícil seleccionar, supoño.

-Seguro que moita xente vai dicir, ‘ah, non fixo esto, non fixo o outro’, pero tés que parar. E eu sempre digo o mesmo, hai que deixar sitio para que veña outro e o faga mellor, pero polo menos ese outro xa ten o camiño percorrido. Para min é moi importante a imaxe que quero que trascenda, que non só aparecen aqueles lugares que todo o mundo atopa recoñocibles, o que sería o Viveiro emblemático, senón que quero que a xente vexa outros recantos, algunha calexa, os teitos, as chemineas...un pouco aquela outra cara da vila que non é precisamente a máis recoñecible. Me parece que no retrato dunha vila ten que haber de todo. Un pouco a vida destes núcleos está composta pola Porta de Carlos V, a Praza Maior, pero tamén outros patios ou pequenos lugares que tamén nos din como é Viveiro.

-Non é o primeiro na Mariña

-Non, fixen Ribadeo, o Camiño Norte, a Ruta Pardo de Cela, fixen o libro da Mariña, e saiu fai anos unha especie de libro que mesturaba a banda deseñada, máis ben para nenos, que se titulaba Aventura na Mariña. Ese foi o primeiro contacto con todo o que é o patrimonio cultural, arquitectónico, gastronómico da Mariña. A partir de aí, a parte das publicacións, cando viña, ía pintando, e cando ves que tes dez ou doce acuarelas; neste caso sae cunha editorial nova, Almacén de Fábulas, coa intención de publicar cadernos de viaxes de diferentes zonas de Galicia, e polo vencello que teño con Viveiro, parecíame que un dos primeiros proxectos debía ser este.