A agrupación liderada pola cantante Ugía Pedreira realiza a súa primeira actuación
08 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Dentro das celebracións do Ribadeo Indiano, a Escola Vella de Rinlo acollerá o próximo dez de xullo ás 19.00 horas a primeira actuación do Coro da Mariña, unha agrupación formada por 38 compoñentes, sen experiencia anterior e procedentes da Mariña e o Occidente de Asturias, e que liderados polos artistas Ugia Pedreira e Pierrot Rougier, levan dende outubro do ano pasado actuando todos os sábados na sede da Asociación Cultural O Cantal.
Interpretarán seis temas, todos de temática mariña, como a “Habanera de Rinlo”, composta polo corista Pedro del Río. Tamén cantarán o “Chalaneru”, a clásica canción popular “A dorniña” e “Sueño con serpientes” de Silvio Rodríguez, ademáis dunha canción do Cabo Vilán e un alalá de Amancio Prada.
«Aprendemos moito uns dos outros cada sábado»
Despois de retirarse dos escenarios a finais de 2014, a cantante Ugía Pedreira trasladouse a Rinlo, dende onde agora leva o Coro da Mariña, xunto coa súa parella, o artista bretón Pierrot Rougier.
-¿Cómo urxiu a idea de crear un coro para toda A Mariña?
-Pierrot e eu temos unha nena con parálise cerebral, e de aí ven realmente. Tíñamos que facer unha actividade na que tiveramos tempo para estar con ela. Somos músicos, e aínda que fixemos música na casa nunca fixemos un proxecto dual cara afora. Cando chegamos a vivir a Rinlo dixéronnos que alí houbera un coro fai anos e pensamos en xuntar o que Pierre sabe en torno á harmonía e arranxos musicais, e o que eu sei da escena e o canto individual, e abrir un coro que colla a liña do horizonte mariñao, que non sexa totalmente localista. Comezamos de modo particular có apoio da asociación O Cantal de Rinlo.
-¿Sorprendeulle o número de persoas que se apuntaron?
-Ó montar o coro embarcámonos nunha aventura, nun risco, e xogándonos moito os dous, pois fixemos nós case toda a publicidade e comunicación, así que foi moi lindo ver que veu xente dente Tapia ata Cervo.
-¿Que idades abarca esta agrupación?
-Temos coristas dende os 30 anos ata os 80, pero a maioría da xente está entre os 40 e os 60.
-¿Encontraron algunha voz que lles chamara a atención?
-O que máis me sorprendeu é que hai moitas personaxes, xente con moitas diferenzas, e iso para nos é fundamental á hora de tratar o tema coral. Rexeitamos todo o que sexa homoxéneo, polo tanto este é un coro bastante atípico. Hai xente que canta normal, logo hai personaxes con moi boa voz, pero sen cultivar, e logo temos xente que fai composicións.
-¿Qué estilo de música pensan abarcar con este coro?
-Nós fixemos unha ou dúas propostas de primeira entrada, pero a maioría das cancións son escollidas polos integrantes ou pola xente que nos escribe por Facebook, principalmente con temática mariñeira, e os arranxos musicais de Pierrot son moi abertos. Nós collemos unha canción e comezamos a harmonizala dende cero, traballando cas capacidades de cada corda vocal.
-¿Podemos considerar este mini-concerto como un aperitivo do que vai vir ou aínda é moi cedo?
-Nós agora mesmo podemos cantar seis temas, e esperamos que saían da forma máis bonitiña posible. Non hai presa en poñerse no escenario e recibir aplausos. Aprendemos moito uns dos outros cada sábado.