«¡Soy yo y la catedral!», dixo a raíña

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

O canteiro mindoniense elaborou un relevo en cuarcita para a raíña Letizia

08 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Fernando Vilariño, canteiro afincado en Mondoñedo e coñecido simplemente como O Canteiro dos Muíños ou, a través de Facebook, como Punteiradas Viladepedra, saltou estes días ós medios polo agasallo que lle fixo á Raíña Dona Letizia, durante a súa visita a Mondoñedo.

-¿De quen partiu a idea do obsequio?

-Foi unha cousa persoal miña; quixen facerlle un detalle, pois a ocasión era para iso. Sobre todo, a idea era darlle un produto de aquí, artesán e poñer en valor os recursos que temos en Mondoñedo e, ó mesmo tempo, se me serve a min de promoción, moito mellor.

-Explíqueme o traballo que lle fixo á Raíña

-É un releve en cuarcita, é un dos típicos traballos que adoito facer. Eu traballo en granito e en cuarcita; en cuarcita fago releves e baixoreleves.

-¿Inspirouse a partir dunha foto?

-Si, entrei en Google, busquei imaxes dela e escollín a foto que me parecía máis axeitada para poder representala nese formato. A foto que máis me gustou e a que mellor resultado me deu, plasmeina.

-¿Entregoullo vostede ou o fixo outra persoa no seu nome?

-A idea miña era poder entregarllo eu e poder facerme unha foto cun persoeiro relevante, que me valería para ter no meu museo, no meu taller, pero tiven que seguir o protocolo e entregalo no Concello; os operarios do Concello foron os encargados de facerllo chegar.

-¿Sabe si lle gustou?

-Polo que puiden saber, dixo que lle gustara e que se recoñecera, que dixera ‘si, si, esta soy yo y la catedral’. Nese tipo de traballo, para min o obxectivo é que a persoa se recoñeza. É un material complicado, non é unha foto, é pedra.

-Ten idea de onde o colocará.

-A verdade é que non. Non sei onde acabará, a min pedíronme uns datos e unha ficha técnica miña; imaxino que me mandarán unha notificación de recoñecemento como adoitan facer cando lle fan ese tipo de agasallos, polo que eu sei.

-Certamente, leva unha variedade de produtos de Mondoñedo moi distintos, ¿non?

-Pois si, polo que puiden saber, leva dende unha simple flor que lle puido entregar unha persoa a pé, a unha reprodución da catedral de Sargadelos, a uns tomates, representativos da horta mindoniense; outra maneira de por en valor outro recurso que temos.

-Sería o persoeiro máis destacado que esculpiu.

-Si, de momento, si. Nunca un traballo destas características fixera. Traballo moito para xente de a pé, para vodas, detalles de homenaxes; iso si, teño feito releves, dende Cunqueiro ata persoeiros ilustres da vida mindoniense en moitos campos, pero un persoeiro tan ilustre coma a Raíña, non.

-¿Levoulle moito tempo facelo?

-Pois é un traballo que che fai falla un par de días, entre que escolles a foto, a preparas para levala a ese formato de pedra, leva un par de días, logo hai que escoller un fondo de madeira, que leva un soporte de madeira...

-¿Quedou contento?

-Eu contento? Si; a verdade é que son o maior crítico do meu traballo. Pero gústame os comentarios da xente; tivo repercusión e a todo o mudo lle gustou, entón eu estou contento porque gustou o meu traballo; de feito na páxina que utilizo para subir os meus traballos: punteiradas viladepedra, aí tiven multitude de comentarios, e todos positivos ‘precioso, qué bonito...’. En unhas horas houbo unhas sete mil visualizacións do traballo (...).