«A milla de ouro é a máis solicitada»

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

Mondoñedo prepárase para as feiras, que contarán con 9 días de festas, uns 300 postos e un programa de luxo

12 oct 2016 . Actualizado a las 13:44 h.

Mondoñedo empeza a bulir coas San Lucas. Na Alameda comezou a montaxe das atraccións e as pulperías e ó longo da semana irán chegando os feirantes. Miguel Souto, o presidente da Asociación As San Lucas, que organiza esta feira que cumpre este ano 860 anos, di que non sabe con exactitude o número de postos que se instalarán na cidade, pero que poden andar polos 300: «Mantense a Avenida das San Lucas como a milla de ouro da feira, é a máis solicitada, xunto co espazo que hai diante da igrexa dos Remedios, é un sitio privilexiado», explica Souto.

Certamente, o presidente da organización confirma o que todos os fans das San Lucas saben: subir e baixar pola Avenida que conduce dende o casco ata a Alameda, mirando os postos, prezando os cestos, as zapatillas ou algún útil para as cabalerías é un clásico, tanto ou máis que achegarse á feira de cabalar ou comer o pulpo.

As San Lucas medra. Asegura Souto que nestes últimos catro anos a demanda para participar nelas é tremenda. Son un referente a nivel de feiras. Souto di que o feito de ter un bo produto e o dalo a coñecer (fixeron presentacións en León, Santiago e Lugo e os medios de comunicación fanse eco delas) redunda no seu éxito. Constatan que nestes catro anos a demanda para participar «é tremenda». Ademais, subliña o feito de que seguen sendo útiles para os feirantes e visitantes. E a maiores, o programa de luxo invita a feirear en Mondoñedo.