Dicía onte precisamente nun breve artigo nestas páxinas que metidos xa en outubro, todo o referido a Alcoa estaba nunha fase de impasse e de relativa calma. Hai máis dun milleiro de traballadores e de familias, por tanto, agardando acontecementos. Hoxe sábense xa as datas da puxa da tarifa eléctrica: do 14 ao 18 de novembro. Isto remove xa as augas da quietude, coma cando se tira unha pedra a unha superficie de auga morta e forma ondas. Nervios. E non porque supoña ningunha novidade, que era o que se agardaba, pero sí crea ansiedade o pensar qué pasará despois. Porque é probable que os resultados desa puxa condicionen, ou non, a venda. Ou parte da venda. A saber. E a planta de aluminio de San Cibrao e as fábricas da Coruña e de Avilés están nese paquete ou pack á venda. Todos supoñemos que comprador e vendedor están á espera desta puxa, a ver qué depara. Alcoa confía, di, en que a puxa dea bo resultado con servizos de interrumpibilidade que faga competitivas as tres fábricas. Iso podería favorecer de vez a venda.
Un ano máis haberá que agardar ata o final para ver qué acontece. Este ano con máis incógnitas, con máis interés. Mentres a multinacional segue co seu proceso de separación de empresas en todo el mundo: o 1 de novembro (tamén en novembro, este mes semella clave) quedarán definitivamente separadas as súas dúas novas sociedades: Alcoa Corporation -actual Alcoa- e Arconic, dirixida á aeronáutica e a automoción, que seica xera máis beneficios. Non queda outra que concluír co mesmo final de onte, haberá que seguir agardando, esperando acontecementos que en novembro poden ata precipitarse.