Formaba parte do grupo de avogados asasinados no 1977; el salvouse e trasladouse meses despois á Coruña
24 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe cúmprense 40 anos da matanza de Atocha. O mariñán Francisco Antas, formaba parte daquel grupo de avogados laboralistas que foron asasinados a sangue fría no seu lugar de traballo. Eran Luis Javier Benavides, Enrique Valdelvira, Javier Sauquillo, Serafín Holgado e Ángel Rodríguez; quedaran feridos Alejandro Ruiz-Huerta (administrativo), Luis Ramos, Dolores González e Miguel Sarabia. Él librouse por moi pouco, saíra uns minutos antes de que entraran os asaltantes. Aquel 24 de xaneiro de 1977 marcouno para sempre.
-A moita xente nova aquela masacre lles sona a chino.
-Si, si. Home, dentro da profesión quizais non porque foi un acontecemento importantísimo, pero si que é verdade que á xente de vintepico ou trinta anos, quizás o atentado lles sona como cousa rara.
-Incrible ¿non?
-Si, pero incrible porque vivimos no país que vivimos; a historia non sei como se estuda. Despois de corenta anos, entendo que isto é historia para estes rapaces e entendo que se tiña que estudar e se tiña que falar destas cousas para que a xente saiba o que foi aquilo e se coide moi moito de que non se volva repetir.
-¿Pode resumir o que pasou aquel día? ¿Como o viviu?
-En aquel ano eu tiña 23 anos. Terminei a carreira no ano 1975, empecei a traballar en Atocha no ano 76 e isto foi en xaneiro do 77. Ese día en concreto estivemos consultando toda a tarde, como tódolos días, en Atocha 55, e sobre as nove, nove e media, que era a hora na que terminabamos de consultar, nos marchamos do despacho; cando nós marchamos entraban outros avogados de outros despachos que tiñan alí unha reunión cos de Atocha e asesoraban ós movementos cidadáns...Chegaron, nos despedimos e eu marchei a picar algo por alí con outros dous compañeiros e sobre as dez menos cuarto, creo que foi, chamaron á porta do despacho e abriron e entraron dúas persoas encapuchadas e preguntaron por Navarro que era un líder do sindicato de Transportes de Comisións Obreiras. Reuníronos a todos alí na entrada e empezaron a disparar sobre eles. Outro agardou na porta. Eu non me enterei ata a mañá seguinte; despois de picar algo, sobre as once da noite marchei para a casa e como non tiña teléfono nin porteiro automático, non houbo maneira de localizarme. Á mañá seguinte espertáronme uns golpes tremendos na porta; era meu irmán que estaba estudando alí, escoitou a noticia na radio e pasou toda a noite recorrendo hospitais para saber si eu estaba entre as vítimas.
-Non estaba para vostede
-Non, non estaba, pero marcoume.
-¿Supérase?
-Superar se supera, pero nunca volverás esquecelo. Ós dous días que puidemos entrar no despacho aquilo era unha escena dantesca. Todo cheo de sangue, balas por tódolos sitios, imaxina.
-¿Que fixo despois?
-Eu estudei a carreira en Bilbao e antes de ir a Madrid intentei vir á Coruña ou Vigo; non me foi posible nese momento e quedeime alí. Me admitiron despois de averiguar cousas sobre min, porque era un despacho pertencente á organización do Partido Comunista, que era ilegal naquel momento, e non admitían a calquera, tiñas que ter pedigree, por dicilo dalgunha maneira. Fun alí coa intención de que en canto puidera viña para Galicia e en xuño do 77 vinme para Coruña para o despacho de Rafael Barez e dende aquela estou aquí. Tres anos ou catro estivemos integrados como asesores do sindicato de Comisións Obreiras, pero no 82 montamos o despacho no Nº 8 da rúa Compostela e aquí seguimos.
-¿Cre que aqueles asasinatos se investigaron daquela debidamente?
-Naquel momento o xuíz que lle tocou instruír o sumario era Gómez Chaparro, era un xuíz que viña do Tribunal de Orden Público, que xulgaba temas políticos e sindicais, un xuíz franquista que estivo tapando e que cando a liña de investigación podía chegar máis enriba se encargaba de pechala. Aínda que foi substituído en abril de 1979 trais a fuga de Fernando Lerdo de Tejada, un dos acusados, aproveitando un permiso penitenciario. O tempo logo dificulta a investigación; os autores materiais e indutores primeiros foron descubertos, pero a trama chegaba máis alá. Ese feito enmárcase dentro dunha semana na que asasinaron a Mari Luz Nájera e a outro estudante máis, Arturo Ruiz, un a maos da policía e outros a mao da Triple A, unha organización fascista. (...) Había un movemento involucionista claro e todo o mundo está convencido de que non chegaron á trama que había por arriba (...).
-¿Onde naceu vostede?
-Eu nacín en Ferreira do Valadouro (A Mariña lucense) e ós 16 anos marchei a Bilbao, porque meu pai era funcionario de Xustiza, secretario.