![](https://img.lavdg.com/sc/VnXhh64TCniwBKTWB1RZ8F0sCjg=/480x/2017/03/29/0012_201703XM29C4F1jpg/Foto/XM29C4F1.jpg)
A Real Academia Galega de Belas Artes dedicaralle unha homenaxe no teatro
31 mar 2017 . Actualizado a las 21:49 h.Este sábado, 1 de abril, conmemórase o Día das Artes Galegas, que este ano está dedicado a Maruja Mallo; o acto central desta celebración terá lugar en Viveiro, no Teatro Pastor Díaz, ás 12.30 horas.
Tras a benvida musical a cargo do grupo vocal SondeNós, procederase á apertura do acto coa intervención do presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo. De seguido, a académica Asunción Rodríguez Rodríguez realizará unha glosa sobre Maruja Mallo, baixo a título «Exótica». Posteriormente e nesta orde, intervirán a alcaldesa, María Loureiro; Darío Campos, presidente da Deputación Provincial de Lugo, e Román Rodríguez González, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que se encargará de pechar o acto. Finalmente, SondeNós actuará novamente na despedida musical. O xornalista e escritor Ramón Pernas será o encargado de guiar o acto.
Pola tarde, na sala multiusos da casa do concello, a Real Academia Galega de Belas Artes celebrará unha sesión ordinaria a porta pechada. O concello agradece esta homenaxe á artista desde Viveiro para toda Galicia.