Mentiras e despropósitos coa praia de Covas

Colectivo Salvar a Praia de Covas FORO PÚBLICO

A MARIÑA

29 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os membros da agrupación «Salvar a Praia de Covas» vimos traballando desde marzo de 2016 para que a Administración interveña na corrección dos problemas xurdidos na praia de Covas, a raíz das actuacións levadas a cabo na ría de Viveiro.

Pedimos dende un primeiro momento que se fixera, coa maior brevedade posible, un trasvase de area, como medida provisional, dende a zona de O Cembedo ata Os Castelos, co fin de protexer o paseo marítimo e as vivendas próximas, así como a realización dos estudos necesarios para buscar unha solución definitiva a este grave problema.

Ao longo de todo este tempo viñemos mantendo reunións con distintos membros da Administración, reunións no Concello, con Xefe do Servizo Provincial de Costas, co Presidente de Portos de Galicia, coa Valedora do Pobo, etc. coa intención de comunicarlles a gravidade do problema e instalos a buscar unha solución o antes posible.

En xuño do pasado ano anunciouse que o trasvase de area se faría en setembro dese mesmo ano, logo sería en outubro. Trasvasaríanse 30.000 metros3 de area, cun custo de 108.000 euros, onde participarían Costas e Portos de Galicia a partes iguais. Todo mentira.

A finais de novembro, por parte do Servizo Provincial de Costas, comunícase que por restriccións orzamentarias non é posible a colaboración financeira para sufragar o custo do trasvase de area.

En febreiro de 2017, na reunión mantida en Celeiro co Presidente de Portos de Galicia, comunícasenos que será Portos quen asuma a totalidade dos custos do trasvase.

A finais do mes pasado, enterámonos pola prensa que se lle terían adxudicado a unha empresa desta zona os traballos para facer, por fin, o tan esperado trasvase. pero resulta que, como a empresa adxudicataria presentou mal a documentación, e a normativa non permite a corrección de erros, a proposta de adxudicación pasa á segunda empresa mellor valorada, co cal volvemos empezar co papeleo. Máis retrasos. Un guion de telenovela que se lle faría grande ata a Franz Kafka.

Como se pode deducir, todo un cúmulo de mentiras e despropósitos que fan que despois dun ano de traballo non se movera un só grao de area. Só se moveron os que moveron o vento e as mareas.

Non consideramos fácil interpretar todo isto porque non sabemos se se debe á ignorancia ou á mala fe daqueles que nos representan, encargados de velar polo benestar e seguridade dun cidadáns que cos seus impostos permiten que os membros da administración cobren a final de mes. Nós imos seguir loitando, se alguén cre que este tema se pode tomar de cachondeo, alá el coa súa conciencia.