«Imos facer 25 anos en Viveiro e aínda hai xente que non sabe da escola»

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Sonia Fernández Augusto dirixe o centro viveirense

26 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Viveiro festexa o día 26 o Día Internacional das Linguas. A xefa de estudos do centro, Sonia Fernández Augusto (19/01/1977) «O que queremos facer, xa que é o Día das Linguas, é darlle visibilidade á escola e facer chegar ós nosos veciños e veciñas que poden estudar linguas en Viveiro».

-¿A xente é consciente de que ten en Viveiro unha EOI?

-Imos facer 25 anos en Viveiro e aínda hai xente que non sabe que ten unha escola oficial de idiomas aquí, pública, con prezos públicos, con clases, espero que boas, que poden estudar alemán ou francés por un prezo irrisorio. É incrible e nós queremos que o saiban.

-¿Que linguas dan?

-Alemán, francés, inglés e italiano.

-¿Cal é a máis demandada?

-É inglés, con moita diferenza.

-¿Sigue sendo inglés o que máis piden?

-Sigue sendo e será.

-Pensei que o alemán se estaba poñendo de moda.

-Non. Foi fai seis ou sete anos, saíra Merkel dicindo que había moito traballo en Alemaña, pero non e verdade; necesitaban enxeñeiros e nada máis. Foi para un momento determinado e xa está. Neses momentos si que houbera un pequeno reponte do alemán, pero nada, volveuse a parar.

-¿E o chinés, que din que está moi solicitado?

-Aquí non temos infraestrutura para ofertar máis linguas das que temos. Estamos en Celeiro, compartimos edificio, estamos nunha primeira planta nada máis. Pero este ano temos biblioteca, conseguimos liberar unha aula para biblioteca. É de tódolos libros que tiñamos que estaban en vitrinas no corredor. Das catro linguas e en galego.

-¿De onde é o alumnado?

-Témolo dende Ortigueira ata Burela. De burela para aló tiran máis cara Ribadeo.

-¿Cantos profesores son?

-Agora mesmo somos quince, incluídos os tres profesores da extensión de Burela. Alí hai unha extensión da EOI de Viveiro, pero solo imparte inglés.

-Terán alumnos xa maiores.

-Si, si. Non é ensino obrigatorio Accédese a partir dos 14 anos sempre e cando non esteas estudando no colexio. E de 14 a cen. De feito, o noso alumnado é variopinto, na mesma aula tes unha adolescente de 16 ou 17 e unha persoa de 70 anos; neste senso é moi enriquecedor, a nivel humanístico.

-¿Que titulación dan cando rematan os estudos?

-Rexémonos polo marco común europeo das linguas; os noso títulos son homologados e certificamos desde A2, B1 e B2. E en Burela C1 de inglés.

-¿Sigue custando falar inglés aquí?

-Bueno, a xente que ven á escola, non. Empregamos unha metodoloxía moi comunicativa, baseámolo moito en iso, en ter as estratexias necesarias para poder comunicarte nesa lingua, aquí, si ves a clase, e frecuentas as aulas acabas falando perfectamente.

-¿Como teñen os horarios?

-Temos basicamente polas tardes, porque a xente traballa; de inglés tamén hai oferta horaria matutina, de dez a dúas e os básicos, primeiro curso, tamén teñen. E polas tardes desde as catro.

-¿Canto custa?

-O primeiro ano, que hai que pagar apertura de expediente e algúns gastos de tramitación, son 120 euros e podes pagar en dous prazos de 60 e 40. É un pago anual e a partir de aí tes dereito a 4,5 horas semanais de clase. Son 120 horas, ou sexa, sae a euro clase. O Día das Linguas faremos actividades das distintas linguas da escola, incluído galego por suposto, e pola tarde haberá unha repichocada con degustación de pratos de cada un dos países.