A firma focense recollerá mañá o premio galego Líderes en Calidade de Expourense
08 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Pescados Rubén S.L., con sé en Fazouro (Foz), é unha das empresas mariñanas de referencia á hora de falar de calidade dentro do sector, tal e como acaba de recoñecerse outorgándolle o premio galego Líderes en Calidade de Expourense e que representantes da firma recollerán mañá mesmo, xoves. Á fronte do departamento de Calidade está Laura Vilar Vázquez, quen cumprirá un lustro aproximadamente dende que entrou a traballar en Pescados Rubén, recén rematada a carreira de Veterinaria. Conchi Blanco é responsable do de Importación y Exportación e é filla dos fundadores.
-Laura, vostede fixo Veterinaria.
-LAURA: Si, pero quedei no medio dos peixes (sorrí).
-Como acolleron o último premio en Pescados Rubén?
-L: Sorprendeunos gratamente. É importante porque axuda a dar máis publicidade á empresa e ao mesmo tempo é unha garantía dos nosos produtos.
-CONCHI: Significa que o proceso produtivo ten unha garantía para o consumidor final.
-Todo un empuxón a unha empresa que de por si é potente.
-L: Si, tamén é unha recompensa para todos os traballadores.
-C: O esforzo humano que supón adaptarse a estes procesos produtivos ve a súa recompensa ao acadar este tipo de premios, que é para todos os que traballan en Pescados Rubén S.L.
-Que valor ten hoxe a calidade nunha empresa coma esta, dentro do sector da alimentación?
-L: Cada vez dáselle máis importancia á calidade e os clientes esixen máis.
-C: A calidade debe ser o selo de identidade de calquer empresa de produtos de alimentación.
-Que tipo de traballo fan?
-L: O fin do noso departamento é que o produto saia en óptimas condicións para o consumo humano. Facemos analíticas en laboratorio, control de superficie para ver que todo o mundo limpa ben e se fai desinfección, temas de documentais como a trazabilidade e identificación de perigos nas cámaras que teñen que estar a temperatura adecuada para que non se estropee o produto, evaluar contaminacións posibles, etcétera Hai un sistema de xestión integrado e todo está controlado mediante documentación.
-Neste último recoñecemento tamén se incide na incorporación do medioambiente dentro do modelo de xestión de Pescados Rubén. Outro punto clave.
-L: Nese sentido, intentamos tratar o mellor posible os residuos. Unha empresa recolle os orgánicos, outra o cartón... e son eles os que optimizan. Os restos de peixe van a unha planta e transfórmanse.
-C: O que nós podemos aportar é a reciclaxe dos residuos que xenera a nosa fábrica.
-Aparte da calidade, tamén hai que saber «venderse» nun mundo tan competitivo, non?
-C: En todos os negocios hai unha competencia feroz pero se a empresa traballa produto de calidade tes un as na manga á hora de negociar co cliente, frente a outros países que non acadan certificacións como as que nós temos.
-Nos últimos anos a proxección internacional de Pescados Rubén foi á alza, verdade?
-C: Estamos vendendo en catro continentes. Temos contacto directo semanal con cada un dos clientes e estamos a facer novos clientes indo a feiras internacionais, a misións comerciais directas e inversas, a través dos organismos oficiais tanto cámaras de comercio como Igape, Icex, etc...
-A súa próxima viaxe, Conchi.
-C: Será a China. Imos todos os anos. Nas feiras concéntrase o maior número de clientes.
-Como filla do fundador, que lección ou herdanza recolleron vostede e seus irmáns do seu pai?
-C: Dende pequenos herdamos o amor ao traballo ben realizado. Importa o resultado dese traballo.
-Medraron coa empresa pero que escalón queren subir agora?
-Nós medramos coa empresa. E o escalón que queremos subir agora é igual que o que subiron os nosos pais no 1964, que era dárlle o cliente o que necesita ao mellor prezo. O consello do noso pai sempre o temos aí porque é o dun experto; a sabiduría dunha persoa que levou tantos anos a empresa é o mellor que podes ter. Pero meu pai tamén soubo deixar as rendas, deixounos andar o noso propio camiño e non todos os fundadores de empresas teñen a xentileza ou bondade de deixar aos fillos seguir eles sós.