Coñecer de primeira man o proxecto da variante de Viveiro

María Loureiro, alcadesa de Viveiro OPINIÓN

A MARIÑA

14 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Opasado 1 de setembro solicitei unha reunión con don Francisco Menéndez Iglesias, director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), para falar do trazado da Vía de Alta Capacidade ao seu paso por Viveiro. Nesa xuntanza pretendía coñecer o estado no que se atopa este proxecto e insistir na necesidade de axilizar a súa tramitación o máximo posible, conseguindo un trazado de consenso para este vial de vital importancia para este municipio.

A día de hoxe aínda non existe data para a reunión e continuamos a ter que coñecer a información que atinxe a este proxecto pola prensa ou por outras canles indirectas. Así soupemos, antes do verán, que nunha intervención no Parlamento de Galicia, se fixo referencia ao novo trazado; posteriormente, nun pleno municipal, un concelleiro do Partido Popular anunciou que o novo trazado estaría listo en breve. Antonte, a través da prensa, unha vez máis, tivemos coñecemento das declaracións do presidente da Xunta de Galicia anunciando que nos primeiros meses de 2018 se presentará a variante de Viveiro. Deixando claro que nos alegramos profundamente desta noticia, queremos manifestar o descontento por esta forma de actuar, sen ofrecernos información directa sobre un asunto de vital importancia para Viveiro.

O Concello de Viveiro é o principal interesado na construción deste tramo da VAC e levamos anos traballando para conseguir que a Xunta de Galicia respete o trazado de consenso aprobado por esa mesma Administración, en 2006, durante o goberno do bipartito PSOE-BNG. Ese trazado, que fora consensuado, contaba coa aceptación do goberno local, a aprobación do pleno e dos veciños de Viveiro e era froito dun intenso traballo por parte do goberno local no que se atenderon as demandas veciñais, se procuraron informes técnicos, etcétera

Cómpre lembrar que o 5 de agosto de 2010, de xeito inesperado e sen ningún tipo de comunicación previa, chegou ao Concello, para a súa exposición pública, un novo proxecto (documento complementario para información pública da Vía de Alta Capacidade O Barqueiro-San Cibrao, treito: enlace centro de Viveiro LU/00/063.01.3.0), que recollía un novo trazado, contrario ao consensuado e no que contemplaba a existencia dun enlace con Viveiro en Magazos (que non existía no anterior).

O único responsable é o Goberno da Xunta

Como dixemos, a partir deste momento, tanto os veciños da parroquia de Magazos, principais afectados por este trazado, como o goberno local iniciamos unha serie de trámites co fin de reclamar que se respectase o trazado aprobado polo goberno bipartito da Xunta de Galicia, considerando que o novo trazado incumpría cos criterios establecidos no anterior.

Consideramos que o único responsable da inexistencia da variante é o Goberno popular da Xunta de Galicia, que, de xeito unilateral e desatendendo o consenso existente, impuxo un trazado que supón un empeoramento das condicións para o concello de Viveiro: e, ante esta circunstancia, os gobernos locais, tanto o do Melchor Roel coma o actual, só están a exercer a súa obriga de defender os intereses dos veciños levando a cabo as accións necesarias para reclamar que se manteña o trazado aprobado inicialmente, o único sobre o que existía o consenso de todas as partes implicadas.

A pesar disto, sempre manifestamos a nosa absoluta disponibilidade ao diálogo e á búsqueda dunha nova alternativa de consenso que, satisfacendo todos os intereses, faga posible a existencia dunha vía de alta capacidade vertebradora que conecte Viveiro co resto de Galicia e do estado español, sendo fundamental para garantir o futuro deste municipio, sobre todo nuns tempos caracterizados por unha profunda crise económica na que a competitividade entre as empresas é cada vez maior; uns tempos nos que o Concello de Viveiro, como cabeceira de comarca, non pode permitirse a inexistencia de vías de capacidade alta.

Agardamos que a cita que teño solicitada para falar co director da AXI poida ter lugar en breve; sería unha boa oportunidade para coñecer de primeira man os detalles do proxecto ao que antonte fixo referencia o presidente de Xunta e para manifestar, unha vez máis, a nosa disponibilidade a traballar a buscar unha solución definitiva para os veciños de Viveiro.