Nova axuda de 40.000 euros da Deputación ao sector da automoción

s. c. / d. g. VIVEIRO / LUGO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Este sector dos coches emprega a 2.000 persoas en toda a provincia

06 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde, mantivo onte luns un encontro con membros da Asociación Provincial de Reparación e Venta de Automóbiles e Recambios de Lugo, así como co seu presidente, Luís Abelleira Mayor, para informar sobre unha nova colaboración do goberno provincial de 40.000 euros.

Estes fondos súmanse ás axudas por valor de 125.000 euros que xa lle concedera a Deputación a dito colectivo para a compra das súas instalacións, de máis de 2.500 metros cadrados.

Uns 530 asociados

Trátase dun colectivo que conta con máis de 530 empresas asociadas, representando, polo tanto, a máis do 80% do sector da automoción da provincia de Lugo.

Con este fondos que achega o executivo da Deputación a dita asociación permitirá dotar de

novo equipamento e maquinaria aos cursos de formación sobre nova tecnoloxía que ofrecen

durante todo o ano aos máis de 130 alumnos cos que contan. Tamén lle permitirá a dita asociación asumir os gastos de funcionamento das amplas instalacións que posúe o colectivo no Polígono Industrial da Campiña, en Lugo.

Campos Conde destacou na súa intervención que «con este novo acordo, impulsamos a actividade que leva realizado dende máis de 40 anos a asociación Aprevar, xa consolidada como unha gran organización empresarial na provincia, e ao mesmo tempo apoiamos un sector fundamental, como é o automobilístico, que dá traballo a unhas 2.000 familias lucenses».

«Sen dúbida -añadía o titular da Deputación-, dende o goberno provincial continuaremos a traballar co tecido asociativo automobilístico da provincia, co obxectivo de acadar profesionais cun amplo coñecemento sobre o comercio multisectorial, é dicir, tanto automobilístico como de maquinaria agrícola, nun sector en continuo crecemento, pois no último ano, aumentaron as ventas deste tipo de vehículos nun 5%, con respecto ao 2016».

A Asociación Provincial de Reparación e Venta de Automóbiles e Recambios de Lugo, Aprevar, fundada no ano 1997, conta cun total de 530 empresas asociadas. O fin último e principal deste colectivo «é o de representar, xestionar e defender ao sector da automoción da provincia de Lugo», destacou onte o seu presidente.