«Chámolle a bicicleta dos sorrisos»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía CERVO / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Confesa que a súa, reclinada, chama a atención a moitos cando vai pola estrada

19 sep 2018 . Actualizado a las 07:48 h.

Tras a súa etapa de Maestría en Asturias, os pasos de Chus García (Gilbuena-Ávila, 1959) remataron na Mariña debido á montaxe de Alúmina Aluminio, hoxe Alcoa, da que é empregado dende 1982. Primeiro desprazábase a traballar dende Lago (Xove), despois dende A Senra (Cervo). Fíxoo a pé, en coche, motocicleta... pero dende fai dúas décadas, a bici é a súa compañeira in itinere.

-Por que lle deu pola bici?

-Fixen deporte ata os trinta e pico e como andaba apurado para ir aos entrenamentos, tiraba máis de coche ou de moto. O da bicicleta foi fai máis de 20 anos, cando deixei de ser xogador, aínda que despois seguín vinculado como adestrador. Aí incorporei a bicicleta, ademáis nun sentido práctico. Se merco unha bicicleta e quero facela útil, o traballo é o sitio adonde tes que ir todos os días, ida e volta. Ao principio, era algo reticente a utilizala en inverno pola noite pero agora xa levo uns dez anos que non me asusta, poño as luces que correspondan, reflectantes, e á rúa con ela.

-Cantos quilómetros fai a diario?

-Once de ida e once de volta.

-No seu traballo, é o único que usa a bici en distancia similar?

-Teño un compañeiro de Río Covo quen, máis polo verán, soe acudir ao traballo en bici.

-Pero non é a norma, claro.

-Non. Eu son unha rara avis. Dobre rara avis.

-O di pola bicicleta que utiliza...

-Son bicicletas reclinadas. Creo que é un invento francés de principios do século pasado. Tiveron a súa rivalidade coas denominadas normais ou verticais(...) pero esta quedou como un tipo de bicicleta un pouco residual.

-Pois é a primeira que vexo.

-En cen quilómetros á redonda non vin ningunha. So a un de Valdoviño, a quen lle vin unha bicicleta destas nunha ruta por aquí. A partir dese momento foime interesando e conseguina. En cen quilómetros á redonda e mar adentro... moitos máis (sorrí).

-Por que se decantou por esta?

-Como ando un pouco por libre nas miñas rutinas e tarefas, a verdade é que me chamou a atención a primeira vista. Ía cambiar de bicicleta e a convencional en carretera nunca me deu convencido. O único segredo que ten esta é que te cansas máis comodamente. Agora, a dose de forza de vontade é a mesma que coa outra.

-Chama moito a atención na vía?

-Hai xente que te convida a parar e a contar un pouquiño, outros saúdante moi efusivamente... Chámolle a bicicleta dos sorrisos, sobre todo se te ven nenos ou maiores; con eles tes garantido o sorriso, dá gusto pasar ao seu lado. É raro pasar desapercibido.

-Canto tempo fai que ten esta?

-Foi a primeira. É do 2010. Indagando por Internet, esta marca era o único fabricante español. Esta é «el amor de mi vida», de momento. Non volvo a outra!

-Estamos xusto na Semana Europea da Mobilidade. Que mensaxe daría para que se utilizase máis a bicicleta para ir ao traballo?

-Está todo clarísimo o beneficio para a saúde, o beneficio para a carteira, para a saúde tamén dos demáis... pero é complicado. Pese a levar máis de vinte anos indo ao traballo con ela, isto non é contaxioso. Se tivera algún virus, xa habería algún máis. Miro para a televisión e nada máis que vexo anuncios de coches. E se é alemán parece que é mellor, que che dá a felicidade, che dá todo... Non vexo un anuncio de bicicletas. No Tour, o Giro ou a Volta ves xente padecendo e sufrindo en bicicleta e as únicas mensaxes que recibimos son as de heroes que suben costas. Hai que levalo a un sentido máis terrenal. Debería haber mensaxes que foran calando máis na xente, senón, a competitividade sobre todo cos de catro rodas é moi desigual.

-Algunha multa por velocidade?

-Non. Tráfico tenme parado ao mellor para insistir en que vaia polo arcén. Agora repararon a N-634. Se eu lle tivera que dicir a alguén que tal está a carretera levaríao a un sitio onde houbera algún bache e onde hai bache hai gravilla no arcén. Eu non podo ir pola gravilla, teño que meterme na carretera. Hai un descuido e un desinterese impresionantes. E era ben faciliño. O único que lle pediría á Administración: nada de carril bici, que ao servizo de mantemento das carreteras lle esixiran limpar os arcenes... e nos darían a vida. E os condutores, como digo a todo o mundo, que poñan as intermitentes cando ven unha bicicleta. Son dos poucos consellos que daría.