O mellor mel de Galicia

miguel vila OPINIÓN

A MARIÑA

12 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

C omezo polo final. O Valadouro produce o mellor mel de Galicia.Non me crean a min se non queren, pero fagan caso ao que ano tras ano din os membros do panel de cata das catas do mel que organiza a Xunta de Galicia. Do seu ditame sae un dato indiscutible, que indica que ningún outro lugar de Galicia acumula tantos premios como os que aquí se xuntan por parte de so dúas marcas. E seguro que serían máis se outros produtores se animasen a inscribir o seu mel na indicación xeográfica protexida Mel de Galicia, que da o pasaporte para participar nas catas. O Trobo e Alfimel acumulan máis premios que ninguén. Xa, xa sei que Alfimel é unha marca afincada en Burela e que os premios da mesma se atribúen ao concello veciño. Pero a meirande parte dos premios desta marca, se non todos, corresponden a mel producido nas súas colmeas de Lagoa (Alfoz), o que reforza a afirmación inicial, entendendo Valadouro como a comarca natural que comprende dous concellos e dúas parroquias dun terceiro, reivindicando desta maneira unha denominación territorial en franco perigo de desaparición, despois de séculos, a causa dos erros duns poucos. Nos últimos anos novas marcas viñeron sumarse a un mercado moi local e aínda con moito mel sen etiquetar, pero a min, que vexo a cousa dende lonxe, paréceme que hai moito traballo aínda por facer, porque o mellor mel de Galicia case non se coñece máis aló do Pouso, inda que se poida atopar nalgunhas tendas de Madrid, por exemplo. Temos un produto de altísima calidade e moi escaso. Coma os percebes, vaia. Deberían quitárllelo das mans aos produtores e ao prezo que estes quixesen marcar, pero moito me temo que, na meirande parte dos casos, non sucede nin unha cousa nin a outra. Necesitamos potenciar a produción para poder chegar aos mercados con maior poder adquisitivo e precisamos dar a coñecer aos mesmos as cualidades do noso ouro, porque nos trobos hai unha interesante alternativa á falta de traballo a pouco que se fagan as cousas ben. Para comprobar o que digo, que o Valadouro produce o mellor mel de Galicia, non deixen de pasar este sábado por Ferreira, que celebra a XXXII Feira do Mel.