
Fran Cajoto, novo presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña: «Hai que traballar máis para que se crea neste ente. Hai cousas moi ben feitas pero que non se ven»
13 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Fran Cajoto, alcalde de Foz, é o novo presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, cargo no que releva ó rexedor de Burela, Alfredo Llano. A súa foi a única candidatura que se presentou, consensuada previamente cos representantes socialistas dos concellos.
-Houbo alcaldes e concelleiros que pensaron en min como presidente e agradezo a confianza. Paréceme un reto moi ledo, que asumo con responsabilidade e como un traballo engadido ao que teño como alcalde de Foz.
-Que retos se expón?
-A Mancomunidade vincúlase moito coa promoción turística comarcal, porque esa foi unha das súas tarefas en función das subvencións que recibiu. Hai un acordo unánime de posicionar á Mariña como un xeodestino común, pero temos que explorar outras vías para mancomunar máis servizos e optimizar a xestión, porque A Mariña non deixa de ser unha cidade lineal.
-En que servizos pensa?
-Iso é o que temos que explorar. Hai servizos, como a recollida de lixo, que xa comparten varios concellos para aforrar custos. Temos compartida a recollida de aceite, e sería moi importante pensar tamén no lixo orgánico, ter unha planta de compostaxe comarcal. Pero todo iso hai que falalo e ir xuntos da man, con unanimidade, porque cando falamos de optimizar servizos o que se busca é a eficacia, aforrar, e esquécense as cores políticas.
-Porque esa disparidade política dos alcaldes, condiciona facer máis cousas xuntos?
-Non debería e de feito xa se aproban moitas cousas por unanimidade. Dende logo, a única forma de traballar é ir todos da man. Podemos discutir un proxecto, pero o obxectivo ten que ser común, como ocorre coa promoción turística. Ese é o camiño.
-E todos os alcaldes creen na vixencia da Mancomunidade?
-Temos que traballar para que se crea máis na Mancomunidade. Sempre se é crítico co traballo acadado, pero hai cousas moi ben feitas por Alfredo Llano, por exemplo en turismo. O que ocorre é que os resultados non se ven a curto prazo.
-O que condiciona moito á Mancomunidade é o seu escaso orzamento.
-Certo. Os cartos que temos son as achegas dos propios concellos, concisas, de un euro por habitante, e as subvencións que podemos conseguir da Xunta e da Deputación, que basicamente se relacionan co turismo. Son subvencións que se conceden condicionando o fin. Está ben, porque unha das funcións da Mancomunidade é promocionar o xeodestino da Mariña lucense, pero temos que ir máis aló, pensando en mancomunar máis servizos.
-Esta mensaxe non é nova. Antes ca vostede xa a dixeron outros presidentes cando foron elixidos. Pero...
-É que seguramente hai moitos servizos que, con vontade, se poden mancomunar. Iso se consegue con independencia e a independencia ven dada polos cartos, de modo que temos que buscar vías para conseguir fondos. Sen fondos non se pode construír.
«É un reto moi ledo, que asumo con responsabilidade, como un traballo engadido ó de alcalde de Foz»
Alfredo Llano hace balance: «Agora mesmo non ten capacidade económica nin de xestión»
«Foi unha experiencia moi boa. Aprendín moitísimo, foi unha honra poder representar aos 16 Concellos». Así se pronunciou Alfredo Llano, presidente saínte, ó abandonar o cargo.
O alcalde de Burela non obviou o hándicap que ten a Mancomunidade e trala súa experiencia avogou por facer a institución «moito máis grande».
«Agora mesmo non ten capacidade económica e tampouco ten capacidade de xestión. Creo que sería moi necesario que as Mancomunidades, tanto a da Mariña como calquera outra, tivesen un protagonismo supramunicipal que realmente penso que é necesario e cara ao futuro vai ser moi necesario. Queremos que tamén se notara en cuestión como as infraestruturas e os servizos. Estamos loitando e penso que o imos seguir facendo con respecto por exemplo aos autobuses. Penso que houbo un cambio radical do que había cando chegamos ao que hai agora. Andamos agora co tema do tren, que é algo que a min persoalmente me preocupa porque creo que hai que defender ese servizo público como algo moi necesario e moi importante, e no que hai que seguir insistindo», concluíu.