O alcalde de Ribadeo suxire aos donos de pubs que cambien a súa actividade a café-bar ou cafetería

La Voz RIBADEO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

11 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde, Fernando Suárez, explicou onte que o equipo de goberno «xa explorou hai tempo a posibilidade de modificar temporalmente as licencias de actividade dos pubs e demais locais de ocio nocturno, como solicita o sector, pero a medida non prosperou polos impedimentos manifestados desde a Consellería de Presidencia da Xunta», di.

O rexedor engadía que «en troques estamos a suxerir a posibilidade de tramitar do xeito máis áxil expedientes de Declaración responsable/Comunicación previa para mudar a actividade actual a Café-Bar ou Cafetería. Una vez superada a pandemia ou no momento que se considere oportuno podería solicitarse o cambio para a actividade anterior».

Suárez Barcia apunta que «se a Xunta mudase de opinión e admitise eses cambios temporais, o Concello de Ribadeo non tería ningún problema en adoptar os acordos correspondentes para darlles cobertura, tal e como xa tentou no mes de xullo».

Deste xeito responde o alcalde á proposta realizada desde o

Grupo Municipal Popular. Suárez Barcia explicaba que «como contestación franca e sincera a este escrito que nos manda o PP sobre a posibilidade de que o Concello poida regular o horario dos pubs, hai que ter en conta que a situación para estes establecementos é complexa, sabémolo desde hai meses. Eles o que piden, ademais de boa fe e a nosoutros parécenos correcto, é que se cumpren os aforos dos bares, se cumpren os horarios dos bares e se cumpren o nivel de ruídos e decibelios dos bares, poidan abrir como os bares aínda que sigan sendo pubs. Pero os concellos non teñen competencias niso».