Antonina Semedo, pregoeira das festas de Burela: «O meu agradecemento a toda A Mariña é tal que a todos lles daría un abrazo grande grande»
A MARIÑA
Este sábado dará o pregón das festas de Burela na Casa da Cultura, a partir das 20.00 horas, e con moita emoción previa
28 may 2022 . Actualizado a las 19:14 h.Antonina Semedo cumprirá 44 anos residindo na Mariña, en Cangas de Foz, o vindeiro 23 de xullo. Non esquece que nesa data, un domingo, chegou pola tarde. Natural da illa de Santiago en Cabo Verde, deixou a súa terra embarazada e casada para vivir primeiro no Bar As Palmeras, antes de asentarse na comarca definitiva: «O meu marido marchou traballar no tren ao día seguinte ás sete da mañá. Eu quedei na habitación, mirei pola ventá e vin todo verde. Saín polo pasillo e atopei á dona da casa cunha nena pola man, saltando e contenta de verme. Ao que ela me dixo, en castelán, eu contesteille e con ‘si’ ou ‘no’ arregleime». A única lingua que sabía falar era o criollo caboverdiano. «A que me acolleu primeiro foi unha familia que é como se fora da miña», di.
—Sae en documentais, déronlle o premio Mestras da Memoria, ata ten a súa propia mesa en Doce Lecer. E agora pregoeira.
—Cando me chamou Dori [Doce Lecer] foi algo tan importante! Teño tal agradecemento que non teño palabras para expresalo. Eu non sabía nin o que era. Poñerme nunha mesa entre Rosalía de Castro e Maruja Mallo, que para min son das mulleres máis importantes de Galicia, non teño palabras para dicir da Mariña. Xa non digo de Burela, da Mariña! Daríalles a todos un abrazo grande grande, apretalos contra min.
—Aparte da convivencia e recoñecemento social aquí, bota algo de menos de Cabo Verde?
—Sempre botas de menos. Cheguei aquí con 24 anos, a punto de cumprir os 25. Digo que dende o primeiro momento fun unha privilexiada. Chegar daquela, cando algún neno che collía a man a ver se manchaba, chegar de África, e que aquí ninguén te coñecía pero ías para unha casa... Aquí nunca me excluíron para nada.
—Pensou en volver a Cabo Verde?
—A Cabo Verde, se volvo, é de visita. Aquí xa teño dúas netas. Aquí xa tiven toda a familia, aínda que cando cheguei quedaba facendo unha casa aló. Cando fun hai dous anos, fomos para amañar un pouco e mirar de aumentala. É unha casa que está en primeira liña de praia.
—Xa ten algo pensado á hora de dar o pregón?
—Teño que poñerme ben da garganta, porque está pensado cantar unha canción no final. Gustaríame estar ben. Do pregón non me fai falta preparar moito. O que me saia no momento de falar.
—A veces, eses son os mellores pregóns, os que saen da alma...
—O que me saia do corazón, si. Algunhas palabras si que teño por escrito, porque hai cousas que se che poden olvidar naquel momento de dicir. Pero, sobre todo, quero dar grazas a toda A Mariña, principalmente, por facerme un día tan especial. Alá onde vou, eu pásoo ben.
—Cantará con Tabanka?
—Teño previsto cantar con Tabanka e cun grupo de chavales A casiña branca.
—Lembro cando comezou o grupo caboverdiano e ata chegaron a ir de xira, recibiron premios, actuaron con músicos de renome... Canta traxectoria! E sobre todo, ese afán da comunidade caboverdiana de abrirnos a todos a riqueza das súas raíces.
—O que é Batuko Tabanka... non ten palabras. O grupo levounos aos mellores sitios. Ás cousas máis bonitas que se fixeron en Galicia fomos, como ao Festival de Ortigueira, ao Festival do Landro, tamén actuamos no Día de Santiago [ou Día de Galicia, o 25 de xullo], actuamos con Uxía Senlle, con Budiño, con Treixadura, con Guadi Galego, con Ugia Pedreira... Imaxina que saes de Cabo Verde como emigrante e regresas un 6 de abril de 2007 á túa terra como artista, un grupo de mulleres, e recibíndonos o presidente, o ministro de Cultura... Lembro que no aeroporto aquilo era un formigueiro de xente, uns abranzando a outros. É para non olvidar na vida!
—Iso conseguírono vostedes! Preocupáronse tamén por visibilizar a comunidade, a cultura.
—Certo, a cultura non ten fronteiras, nin raza, nin política. Saímos de Burela unha vez hacia Navarra facer cinco concertos e levamos de Burela dende chicharro lañado ata bonito en conserva. O resto do peixe, xa non cho conto. Preocupámonos de divulgar Burela tamén. Preguntábannos ‘e onde está Burela?’, ‘está en Cabo Verde’? Xa lles dicíamos nós ‘non, está en España’.
—Coide ben esa garganta, mel con limón e non fale moito...
—Vou para a terra, así non vexo a ninguén, para non falar moito.