Roberto Vilar chega o 9M co show «Celebreixon» á Mariña: «É un milagro levar 30 anos vivindo de pintar a mona»

y. garcia BURELA \ LA VOZ

A MARIÑA

ÁLVARO BARREIRO

As entradas están xa á venda na súa web www.robertovilar.com para unha cita que o humorista galego, natural de Xove, considera moi especial por ser «na terriña»

07 jun 2024 . Actualizado a las 13:38 h.

Roberto Vilar festexa por todo o alto os seus 30 anos «pintando a mona», como di, con profunda honra, e faino coa xira de Celebreixon. Un espectáculo dos máis especiais e sentidos que ten feito ao longo da súa carreira. Servirá de reencontro co público que amosa sintonía coa súa forma de facer humor. Chegará o 9 de marzo a Burela (Casa da Cultura, 20.00) e as entradas xa están á venta, en www.robertovilar.com. A maiores, o show burelense faille certo tilín porque «xoga» na casa, xa que a súa terra é A Mariña. Xove concretamente.

_Gustaríalle que na terriña tivera cheo absoluto, verdade?

_Si, sobre todo porque vai ser moi especial. Este show, este Celebreixon, é un espectáculo de comedia pero moi emotivo tamén, porque se basea moito no que vivín de pequeno e me pasou con meu pai e miña nai. En Burela, meus pais van ir ver o espectáculo... Igual que amigos da infancia. Iso fai que sexa moi especial ese día. Van pasar cousas moi especiais. É o máis distinto e especial de todos os que imos facer en Galicia.

_Non irá traer a Rosa «de España» cantar o seu famoso Europe's living a celebration?

_Carai! Disparache ben aí, eh? Non sei o que vai pasar en Burela. En cada show, en cada cidade, hai un artista sorpresa, como Luis Tosar que estivo en Lugo. En Burela, as sorpresas van ser varias e bastante locas. Teño unha que ainda non a teño cerrada de todo pero cando a consiga, chamaredes todos os medios ao día seguinte para saber se foi verdade ou non. Non podo ler máis...

_Claro, tampouco poderá adiantar moito pola «cláusula de confidencialidade»...

_(Un breve silencio) Claro! O bonito deste espectáculo é non saber moito. Que pasa? Si que é un espectáculo moi grande. Para que teñas un dato, levámolo ensaiando dende o mes de setembro do ano pasado e están implicadas, en total, unhas 25 persoas. Hai xente que vai esperando ver un monólogo e cando chega alí, pregúntase 'Que é isto?'. Prefiro non dicir que pasa exactamente, pero si que o formato é grande e van pasar moitas cousas, hai moita xente e facemos unha adaptación a cada cidade á que imos. Non é sempre igual. Teño moitas vivencias en Burela, por exemplo, da miña época de chaval, de ir á discoteca Katana e meu pai andivo ao mar nun barco burelense, no Adviento.

_Burela está este ano tamén de aniversario e cumple xusto os 30 como concello, trala segregación en decembro de 1994.

_Si? A segregación de Burela de Cervo. Ostras! Pois fai 30 anos coma min, que levo 30 anos de carreira! Fago este show en Burela porque necesitabamos auditorios cun aforo mínimo como é o da Casa da Cultura, ao ser un espectáculo grande.

«É un milagro auténtico levar 30 anos vivindo de pintar a mona»

_Facendo ese repaso de 30 anos pintando a mona, vese reflexado agora no que aspiraba cando empezou?

_No, que va! Vas cambiando e cada certo tempo creo que te vas convertindo noutra persoa; cada certo tempo te vas convertindo noutro cómico no meu caso. Púxenme varios días a seleccionar os 150 gags ou 150 chistes que a min máis me gustan, dos que fixen durante todos estes anos. Xa non sei se os inventei eu ou se os collín de alguén, pero no espectáculo van. A xente que xa ve o show nos tres que levamos xa (Lugo, Ourense e Santiago) e me coñece si que di que é un espectáculo que representa moi ben o que son eu agora mesmo ou fun sendo durante anos.

_Fusionouse Roberto humorista co Roberto persoa nestas tres décadas de traxectoria? A veces teño entrevistado un cómico e amosar máis simpatía eu...

_Iso é porque o cómico a veces pensa que para darse importancia se ten que poñer serio. É terrible, pero pasa. Cando me da a seriedade, desconfío moito. No escenario neste show, básicamente son un cómico. O cómico Roberto Vilar. Pero si é verdade que neste, en concreto, vese moito da parte de Roberto Vilar persoa, de cando tiña 14 anos. Teño a crenza de que sempre somos esa persoa de 14 anos, o que pasa é que por relacións públicas e decoro nos imos adaptando á vida, ainda que seguimos sendo o mesmo neno ou nena, toda a vida. Con esa parte miña da adolescencia estou moi cómodo no escenario. Neste espectáculo fago unha homenaxe ao meu cantante fetiche que é Willy DeVille.

«Neste espectáculo fago unha homenaxe ao meu cantante fetiche que é Willy DeVille»

_Dálle vértigo comprobar todo o tempo que pasou e que pasou tan rápido?

_Bueno, o que pasa é que por sorte non teño nostalxia, non está na miña personalidade. Vou vivindo moito ao día, pensando no que se pode facer no futuro. Carezco un pouco dese sentimento de mirar para atrás. Non é algo que busque tampouco. Agora estou a vivir esto e esta xira de Celebreixon, claro que algo de nostalxia me dá, pero tamén moitas alegrías. Esos días cando falaba con miña nai dime ela: 'Xa non quedan entradas en Burela diante de todo'. 'Bueno, mamá... Non pasa nada, xa che buscarei unha máis atrás. Tampouco tes por qué estar diante de todo', lle respondín. Dicíalle 'Mira mamá, que sorte tiven. 30 anos pintando a mona, é un auténtico milagro!'. Si que valoro, ao botar a vista atrás, a sorte inmensa, o milagro auténtico de levar 30 anos vivindo de pintar a mona.

_Cando chega o éxito, o realmente importante é mantelo para que non sexa algo efémero.

_Todo é difícil, pero tamén hai que ter sorte porque, senón, é imposible. Teñen que coincidir varias cousas: hai que traballar, evidentemente e tes que ter algo de talento.

_A televisión foi un trampolín clave para vostede, non?

_A televisión é o que máis me gusta. De pequeno emocionábame vendo a televisión. Chegaba do colexio e poñíame a ver a televisión. Miña nai dicíame 'pensas que che vai dar de comer a televisión?' Todos os días mo repetía. Todos os días me dicía esa frase. Agora acórdase ela. Sempre quixen traballar nela, tiven a sorte de conseguilo e nela é onde estou máis cómodo. Que pasa? Que no teatro, con esta xira, si que descubro que hai unha conexión de cariño co público... O que está pasando é tan emocionante, a xente que vén falar comigo despois e o que riu, ainda que hai momentos de chorar tamén. Esa liña fina entre a risa e a bágoa tamén me gusta. Emocionarse coa risa e emocionarse coa bágoa.

_Cando remata o espectáculo lévanlle algún regalo? Por exemplo kiwis?

_Iso é bo, o dos kiwis. Si que me levan algo, pero normalmente doces e licor café... Eu acepto todo, váleme todo.

_Tamén bonito ou pescada do porto de Burela, por suxerir.

_Ao acabar o espectáculo iremos cear por Burela co equipo e coa familia. Con todos. Vai ser unha gran xornada!